|
Información
ofrecida por: WEB COSTA DA MORTE.

Neste
capítulo asistimos á proposta do concello de Carballo para acoller
a sede do Parque Arqueolóxico, á proposta dun profesor da Universidade
de Santiago para a xestión dos monumentos e á decisión do concello
de Vimianzo de cortar por fin o piñeiro que poñía en perigo
o dolmen de Pedra Cuberta.
Este
martes 26, o pleno do concello de Carballo aprobou facer unha
oferta de terreos a Patrimonio para emprazar a sede do Parque
Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte. Agora son xa
tres os concellos interesados pois con anterioridade xa fixeran
as súas ofertas os de Vimianzo e Zas.
Sobre
a posible localización definitiva da sede do parque, os requisitos
que se lle esixen ou sobre os monumentos que acollerá pouco
se sabe, pois a Consellería de Cultura segue levando este tema
con certo segredo por temor a que os propietarios das antas
incrementen os prezos.
Por
outro lado, o profesor da Universidade de Santiago Antón Rodríguez
Casal está a traballar nun programa para a conservación do patrimonio
megalítico da Costa da Morte. Este programa estaría enmarcado
nun proxecto máis amplo que pretendería a súa rendibilidade
sociocultural.
Así,
o profesor considera primeiro necesario o estudio de cada un
dos monumentos, a creación de museos nos xacementos e a elaboración
dun plan de conservación. Logo viría o desenrolo de rutas turísticas
e guías orientadas cara o turismo cultural, ofertándose a excepcional
riqueza natural e de patrimonio megalítico da zona da Costa
da Morte.
Finalmente,
e en referencia a un dos protagonistas desta historia, o dolmen
de Pedra Cuberta, o concello de Vimianzo cortará nos vindeiros
días o piñeiro que ameazaba con derrubalo. O curioso é que a
propietaria do terreo xa vendera a árbore e o comprador non
puido cortala por ser esta unha tarefa que agora se reserva
o Concello.
A
emoción está servida para vindeiros capítulos: ¿Onde se emprazará
finalmente a sede do Parque Arqueolóxico?; ¿que monumentos integrará?;
¿resistirá Pedra Cuberta?; ¿aprobarase un verdadeiro e efectivo
plan para a conservación, promoción e aproveitamento do rico
patrimonio megalítico da Costa da Morte?.
Estean
atentos, a resposta a estas e outras moitas preguntas en vindeiros
capítulos da SAGA DOS DOLMENS DA COSTA DA MORTE.
Capítulo
anterior
Opinión
|