CORCUBION
Conxunto Histórico Artístico
 
  
 
A declaración de Conxunto Histórico Artístico realizouse o 31 de xaneiro de 1984, posteriormente fíxose a realización do plan de reforma e protección interior do conxunto histórico artístico sendo éste o primeiro en realizarse en toda a Comunidade autónoma Galega. 

A súa aprobación definitiva data do 24 de xullo de 1991 e nela figuran 74 edificios, tanto a nivel público como privado, para así acadar a armonía expresada no mencionado plan. Iso supón un grande esforzo económico nas dotacións de servicios urbanísticos e de imaxe do conxunto, así pois realizáronse obras consistentes en pasar liñas aéreas a subterráneas, en suministro e información por parte do Concello de axudas oficiais encamiñadas a acadar as correspondentes subvencións para acometer obras de tratamento dispar nas edificacións, a recuperación de ruinas en tratamentos puntuais, estructurais, de ornato, etc.

 
 

DESCRIPCION DO CONXUNTO HISTORICO ARTISTICO

 
 
Un paseo a pé, percorrendo as rúas de Corcubión, permite descubrir con detalle a histórica nobreza de moitas familias de Corcubión, así como o encanto da arquitectura popular mariñeira de Galicia, nas típicas casas de galerías e balcóns. 

Na praza poden observarse algunhas edificacións de notable interese, como a denominada Casa Miñones, levantada no 1899; nela fúndense os caracteres da arquitectura tradicional galega cos rasgos do estilo Modernista imperante no momento. Outro exemplo exposto é a fermosa Casa do Xulgado. No extremo septentrional atópanse tres pazos vilegos, residencia de rancias linaxes fidalgas (os Figueroa e Porrúa, Pose Bermúdez e Varela, Dios e Pose …) tal como delatan os blasóns dezaoitescos. A rente sitúase a Capela do Pilar, construida en 1931, hoxe convertida en Auditorio Municipal. 

Tras da Praza, na chamada Horta de Pol, érguese o edificio do que fora a Fundación José Carrera. 

A rúa Antonio Porrúa é unha cotiá mostrá do facer constructivo do estilo popular de finais e principios de século, non en van esta antiga Rúa Real foi ata 1860 a única vía de acceso á poboación, tendo o seu comezo no límite co Concello de Cee no Cruceiro de Valdomar mandado construir en 1700 por Domingo Valdomar. Na Rúa de Perigos observamos unha tradicional fronteira portegada cun traballado balcón que albergou o Pósito Marítimo. Ascendendo por esta rúa chégase ó Cabo da Vila, onde se atopa a Capela de San Antonio, erixida no 1700. Dende un pouco máis arriba disfrútase dunha inmellorable vista de toda a vila. 

Situados na praza de Castelao indo cara a igrexa, atópase o Pazo dos Condes de Altamira, señorío xuridiccional de toda a Comarca que hoxe conforma o Partido Xudicial; o edicto primitivo levantouse a finais do século XV, nel achábase o cárcere e a sala de audiencias do xulgado señorial, sufrindo con posterioridade múltiples modificacións. Perto da igrexa ubicouse un pequeno hospital fundado polos condes, para dar acollida os peregrinos que seguindo a ruta Xacobea se dirixían a Fisterra. 

A igrexa parroquial de San Marcos é románica na súa orixe e no seu trazado. O volume principal deste templo foi construido a mediados do século XIII ou posteriormente, mentres que a súa fachada e o seu campanario de estilo neogótico reedificáronse recentemente, tras ser destruidos por unha tormenta en 1885. Os restos da primitiva porta oxival poden verse inmediatamente despois de atravesar a entrada actual. 

No exterior da igrexa poden admirarse unha serie de canzorros con representacións humanas, demos e animais. 

No seu interior gárdase a impresionate talla do Evanxelista San Marcos da Cadeira (por estar sentado) vestido como un Dux Veneciano; no respaldo da talla aparecen gravados os símbolos heráldicos dos Condes de Altamira, Rodrigo de Moscoso e Xoana de Castro. 

Saíndo da Praza en dirección a Fisterra, axiña se divisa o antigo Cárcere do Partido Xudicial, situado na entrada do porto e erguido no 1858, a pesar de ter sufrido moitos arranxos, conserva o seu aspecto e estructura orixinaria, incluída a pequena capela. 

O porto tamén é un fiel reflexo da historia de Corcubión, reconstruido e ampliado logo de ser desfeito durante a Guerra de indepencia, o porto de Corcubión foi de grande importancia estratéxica debido o trazado da súa ría. 

Seguindo a estrada e tomando o desvío xunto ó cemiterio, extendese na outra veira da estrada a praia de Quenxe, cos restos de antigas fábricas de salazóns e da Compañía Xeral de Carbóns; unha pista a dereita que se dirixe a Oliveira, deixanos no Monte do castro de Quenxe, construcción en forma ovalada para mellor aproveitamento da luz solar. Só conserva unha parte da plataforma sita na acrópole onde están soterradas ás vivendas e a muralla defensiva realizada con bloques de granito. Teñense atopado na superficie algúns anacos de cerámica castrexa e romanizada, o que permite datar este xacimento nos séculos próximos o cambio da Era. 

Contemplando as excelentes vistas voltamos á estrada que nos conduce ata o Castelo do Cardeal, sito na antiga punta do cantelo. Esta pequena batería data de 1741, dotada de 12 pezas de 96 homes; a súa misión consistía na defensa da ría co seu veciño Castelo do Principe situado o outro lado da mesma. Mais adiante achegámonos Cabo de Cee edificado no 1860. 

Abeirando a península chegamos á parroquia de Redonda, onde se atopa a igrexa do mesmo nome, a construcción data de finais do século XII, so conserva da súa orixe románica o ábside rectangular, unha fiestra moi enxebre no testeiro ou arco semicircular peraltado sobre dúas semicolumnas do altar maior e uns curiosos canzorros a base de estilizados vexetais. No inteior gárdase unha talla de San Pedro da Cátedra, do século XV, que presidía o retablo do Altar Maior. O conxunto péchase cun cruceiro levantado no 1689 seguindo un modelo moi extendido na comarca. 
 
 
 

Para máis información:
 
CONCELLO DE CORCUBION
Avda. da Viña, 1
Tfno: 981 74 54 00 - Fax: 981 74 71 00
15130 A CORUÑA
correo@corcubion.dicoruna.es