Nin tan
ghrandes nin tan feros coma os lobos de Vimianço,
a xente do Batallón Literario da Costa da Morte ten a força
e o xenio do temporal na Semana Santa...
Foi
naquel tempo, Sábado de Groria, cando se xuntaron ordinariamente
en asemblea. Falouse, construíuse, o vento saltou e mudaron
as tornas. A directiva renovouse; estes son os vocais: Miro Villar,
Mónica Góñez, Tomás Lijó, Modesto
Fraga, María Lado e Rafa Villar. Sendo da tripulación
tócalles a eles larga-los aparellos. Na presidencia, vello
lobo de mar, está Alexandre Nerium (Manolo); Xavier Rodrigues,
lobo menos vello de terra adentro e moito peito, vai se-lo secretario.
Patrón e segundo de abordo asumen leva-lo barco a porto se
os das bandas bogan ben e en terra, chegando para xantar, hai quen
bote unha man na descarga.
Nas
caixas que traen e que darán de comer nos tempos que veñen
salta xa o III Encontro. E é que estes mozos son aínda
máis, e de Malpica a
Esteiro sempre hai algún
que traballe nestes mares. É por iso que unha vez ó
ano desde que fixeron compañía, xa vai alá
o terceiro, cómese e bébese na casa de algún
que no día é de todos, fálase do oficio, mírase
de carena-la chalana e pénsanse novos lances. Neste grandor
do ano escóllese casa para o palique e o arranxo dos aparellos.
Noutra
caixa vai o Feros Corvos, que non hai mellor sitio para os lobos
por feros nin para os corvos por libres ca nel, unha publicación
con carácter trimestral que se distribúe polas tabernas
da zona. Se non o atopas ten a porta franqueada en Cerbán
11- Castrelo. 15128 Vimianzo (Galiza). Alí podes
manda-las túas parrafadas ou, enviando os selos, pedir de
balde os exemplares que mellor che conveña.
Empezando
agora a terceira marea, invitámoste a ti, afeito ou non ás
ondas, a participar da escrita visible na Costa da Morte; ó
cabo, os caixóns poden arder e ti telo, telo, non mo queres
dar e despois de vello pódelo salar. Contacta con calquera
e vén connosco na singradura de cada día atravesando
os camiños para chegar a pubs e salas, como mares, para chegar
á xente e ás tabernas. Despois de todo e por se falamos
de máis, poñédelle a culpa ó vento.
Mónica
Goñez (Fisterra)
batallon@finisterrae.com
|