Nesta
época, todos os ceenses teñen o orgullo de contar
cunha singular figura natural desta vila: Domingo Antonio de Andrade
(1639-1712), arquitecto e escultor barroco, un dos máis
importantes a nivel galego. Entre as súas innumerables
obras queremos destacar: o seu traballo no Altar Maior do Apóstolo,
no revestimento dos piares (1669), o deseño e construcción
da Torre do Reloxo da Catedral de Santiago (1676-1680), o baldaquino
para o altar do Santo Cristo da Catedral de Ourense (1679), obras
de reedificación do Mosteiro de Santo Domingo de Bonaval
coa coñecida escaleira de caracol (1695), remata o Pórtico
Real da praza da Quintana e o segundo corpo da Porta Santa en
Santiago (1700) e comezou pouco antes da súa morte a casa
da Conga na mesma cidade (1709). As súas obras en Cee centráronse
na igrexa parroquial, se ben non se conserva nada debido á
destrucción da mesma polos franceses a comezos do século
XIX.
Xa na Idade Contemporánea, a historia de Cee e a de toda
a comarca vese truncada pola invasión francesa. En abril
de 1809 as tropas de Napoleón arrasan a vila e os campos,
roubando e destruíndo todo o que se lle poñía
por diante. Isto, unido á crise na que entrarán
as pesquerías do salgado obriga a moita xente a emigrar.
Entre eles está o caso de D. Fernando Blanco de Lema (Cee
1796 - La Habana 1875), que emigrou a Cuba . Este singular personaxe
deixa no seu testamento a súa fortuna á vila de
Cee para construír nela un Colexio de primeiro e segundo
ensino. O centro de ensino foi inaugurado en 1886, sendo un importante
referente cultural, tanto pola súa arquitectura, como polas
importantes coleccións que alberga no seu interior.
Ademais,
aconsellamos un paseo pola Alameda de Cee, engalanada con preciosas
edificacións do século XIX como a Casa Mayán,
de estilo tradicional, con galerías e balcóns, e
do século XX como a Casa Guillén e a antiga Casa
do Concello, recentemente restaurada e convertida na sede da Escola
de Música Municipal e do futuro Conservatorio de grao medio.
Hoxe en día Cee é unha vila que sabe compaxinar
todos estes vestixios históricos cunha variada oferta cultural
e de lecer orientada tanto para os seus habitantes, como para
os que teñen a ben visitarnos.