Entre as maiores cidades
galegas
Carballo
é unha das maiores cidades galegas, e a máis importante
fóra dos grandes núcleos capitais. A sua estructura
e idiosincrasia é urbana, con un forte arraigo e introducción
no seu entorno.
A vila
é representativa do enorme potencial de toda unha rexión
de Galicia: a sua posición estratéxica entre os maiores
polos económicos do norte, o ser un concello de mar e terra,
motor de unha grande área con un enorme potencial de desenvolvemento,
centro de unha zona de fortísimos recursos forestais e agropecuarios,
converten Carballo nun dos maiores atractivos para multitude de
empresas e industrias.
Carballo
soubo aproveitar sempre os recursos das comarcas que a rodean para
crear emprego na zona e xerar valor engadido ás materias
primas: industria conserveira, empresas da madeira, transformación,
etc.
Carballo
é ademais o lugar onde se concentran os esforzos de multitude
de familias que levantaron o país á costa de deixaren
a terra. Como en toda Galicia, todo o mundo ou estivo fóra
ou ten familiares que están ou estiveron fóra. A estructura
urbana de Carballo é, probablemente, o mellor exemplo das
vilas erguidas durante os sesenta ao se edificar fundamentalmente
a partir do investimento dos emigrantes.
Carballo
é pois, un exemplo do máis representativo da sociedade
galega: unha personalidade aberta, con iniciativa e capaz de afrontar
os maiores retos.
Estación
termal e lar natal de Alfredo Brañas
Carballo
é unha vila moderna, de recente creación e edificación,
nacida coa descoberta das caldas en 1716 e herdeira da súa
disposición e poboamento actual desde a segunda metade do
séc.XX. Carballo é terra natal de Alfredo Brañas,
gran patriota e teórico do movemento político galeguista,
venerado no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago de Compostela.
Os
Baños de Carballo, fontes de augas termais sulfurosas
manadas a 30ºC. de temperatura, significaron o gran desenvolvemento
daquela pequena parroquia bergantiñá. A constante
afluencia de visitantes que viñan curar as súas doenzas
de pel e reumatismos, motivou a construcción de varios edificios
e o establecemento de transporte regular coa Coruña desde
1850. Case tres séculos despois, a estación termal
de Carballo continúa a acoller a numerosas persoas que se
benefician das propiedades curativas das súas augas.
Carballo
é igualmente centro principal de intercambio agropecuario
da zona e tradicional provedor de pan e madeira á cidade
da Coruña. Consideradas estas terras como graneiro de
Galicia durante a famina do séc.XVIII, son productos
típicos da vila o famoso pan de Carballo e as súas
deliciosas empanadas,
aínda elaboradas en moitos casos de xeito artesanal. Todos
os produtos naturais da comarca pódense encontrar nas tradicionais
feiras e mercados celebrados cada domingo. Outro dos numerosos eventos
festivos de relevancia en Carballo é a noite
de San Xoán, o 24 de xuño.
|