|
Información
ofrecida por: WEB COSTA DA MORTE..
Con
motivo das I Xornadas de Desenvolvemento Integral do Territorio:
demografía, historia, turismo e medioambiente (Cabana de Bergantiños
13- 21 de abril 2002), os/as participantes dirixímonos a Vde.
e á opinión pública en xeral para manifestarelle a nosa enérxica
(e enésima) protesta polo estado deplorable en que os organismos
públicos galegos manteñen o Dolmen de Dombate (Borneiro-Cabana),
Ben de Interese Cultural, desde hai máis de TRECE ANOS.
En 1989 remataron as escavacións realizadas baixo a dirección
de J. Mª Bello e, desde aquela, o monumento está cuberto por unha
antiestética lona de plástico sobre postes de formigón que impide
que poida ser visto non só polos propios veciños da parroquia
e da comarca, senón que tamén pola multitude de visitantes que
seguen chegando (enganados) de calquera punto de Galicia, España
ou de Europa: privada a cidadanía do seu disfrute e contemplación,
marchan comprensiblemente defraudados e burlados. Ninguén comprende
o deixamento de competencias por parte da Xunta de Galicia, que
dá lugar a unha situación de constante perigo para este Ben senlleiro
-cualificado polos especialistas como "a catedral dos dolmens
galegos"- e, en todo caso, impedindo a súa función social durante
esa ducia longa de anos sen que se albisque ningún cambio nun
futuro próximo.
TRECE
ANOS de ocultación e abandono son excesivos para un territorio
como a Costa da Morte, ó que se lle ven privando inxustamente
dun dos elementos máis significativos para a súa promoción cultural
e turística. TRECE ANOS son moitos para permanecermos calados
ante o atentado que supón o deterioramento imparable das importantes
pinturas milenarias que quedaran ó descuberto tralas escavacións.
Pero
Dombate é aínda moito máis que un monumento senlleiro: este dolmen,
epicamente cantado polo poeta Pondal a finais do séc. XIX, pasou
a ser un símbolo para toda Galicia, e por iso debe saír do seu
"secuestro" para volver formar parte da paisaxe galega, co mesmo
dereito que a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago.
TRECE
ANOS son moitos e xa estamos cansos de que se anuncien proxectos
que nunca se cumpren; cansos de que varias xeracións de rapaces
non tiveran aínda nunca ocasión de o ver.
Por
todo isto, e por moito máis, esiximos que, dunha vez por todas,
o Goberno galego tome xa unha solución definitiva: ou poñer en
marcha o Plan Director da Deputación da Coruña ou volver cubrir
de terra todo o escavado, pinturas incluídas, e que volva a estar
como estaba antes. Ou unha cousa ou outra, pero que a Xunta de
Galicia tome unha decisión.
Cabana
de Bergantiños, 21 de abril de 2002 .
|
FIRME
EL MANIFIESTO
Si
usted quiere adherirse al manifiesto, envíenos
un correo con el asunto "me adhiero al manifiesto por
el estado de Dombate".
|
|