AS GÁNDARAS DA BARCA: explotar ou conservar?
Por Manuel O' Rivas 
 
 Ademais do mar, se algo caracteriza a Costa da Morte son os seus impresionantes montes penedíos. 

Os especialistas falan de rochas zoomórficas e antropomórficas. Pero para calquera mirada humana, para calquera ollo que non sexa simple depredador, esa paisaxe non necesita definición. Emociona, sobrecolle, vólvese inesquencible. Non hai en Europa unha paisaxe de beiramar semellante. Conservala non é só unha obriga de tipo cultural e ecolóxico. É un investimento de futuro. 

Pois ben, esa paisaxe única está en perigo. Segundo anuncia o Diario Oficial de Galicia, hai un proxecto de explotación en forma de canteiras que se iniciará, se a Comisión Galega de Medio Ambiente non o remedia, polos extraordinarios penedos de Pasarela que cantou Eduardo Pondal, o autor da letra do himno galego. 

Nunca pensei que a ninguén se lle ocorrera semellante cousa. Creo que ninguén que coñeza e ame a Costa da Morte podería pensalo. Pero aí está, a desfeita afiando os dentes da súa maquinaria. 

Galicia é o país do finis terrae. Non nos cansamos de repetilo. Exhíbese como reclamo e emblema turístico. Galicia é tamén A Terra Nai. Querémola todos moito. Sentímonos orgullosos desta paisaxe. 

Pero trala retórica e as declaracións sentimentais, suceden cousas inexplicables que din moi pouco da sinceridade dos discursos. Gastamos centos e centos de millóns de diñeiro público en proclamar que esta terra é única, ¿e non seremos quen de conservar o que precisamente a fai única? 

Tamén se di que somos Europa. Para o que convén, claro. Fóra de aquí, proxectos como este non pasarían de disparates suspensos no primeiro trámite administrativo. ¿Alguén imaxina explotacións a ceo aberto nos santuarios naturais da Bretaña francesa ou de Irlanda? O plan Leader, ao que se acolleu a asociación intermunicipal Neria, baséase precisamente no contrario. En pular un desenvolvemento cimentado sobre os valores naturais da Costa da morte. Este tipo de desfeitas son pedradas na testa do futuro. 

Hai cousas que non se deben tocar. Destruílas é unha maldición para un pobo.  

Quen o faga, quen o permita, non debería ter perdón de Deus. 
 

 Volver 
 
  
Lugares
Natureza
Lecer
Contos
Pousada
Economía
  
Feito da man de Abertal
Informacións, suxestións e críticas a : costadamorte@finisterrae.com