CABO VILAN
 
 
 
 
Resistente aos embates do Atlántico e ao vento do norte,
o esgrevio rochedo do Vilán vixía unha terra de lendaria historia
e un accesible espacio natural de salvaxe beleza.
 
Faro Vilán, gardián da Costa da Morte 

Chantado no granítico penedo do Cabo Vilán, o sobrio faro outea sobre a brétema o incesante tráfico marítimo da Costa da Morte. Debido á perigosidade desta costa, a vella torre de lume transformouse en 1896 nun potente faro eléctrico de 40 millas de alcance luminoso en intervalos de 15 segundos. 

O vento é o factor constante deste vixía oceánico. As rachas norteñas son un potente axente erosivo que impide o medre normal das especies vexetais e traballa nas formas minerais, creando curiosas figuras como acontece na Pedra do Oso. O vento convértese tamén en enerxía de vida por medio das aspas do zoante Parque Eólico do Cabo Vilán. 

O espacio natural do Vilán comprende atractivos naturais e etnográficos de fácil localización e acceso. Desde Camariñas encóntranse as ruínas do Castelo do Soberán, a recollida praia de Lago e a Capela da Virxe do Monte, cunha fermosa vista de Muxía e da ría. 

No carreiro que conduce ata o Cemiterio dos Ingleses atópanse a mamoa de Reira e o Foxo dos Lobos, orixinal curro para a caza do cánido. Ao longo da costa van xacendo senlleiras as praias da Pedrosa, da Balea, de Reira e de Trece. No pé da enseada que recibiu os restos do Serpent, érguese a duna de maior altitude de Europa, o Monte Branco, culminante a 200 m. sobre o nivel do mar. 

 
 
   
Sitio Natural de Interese Nacional 

O Cabo Vilán é zona de alto valor ecolóxico, candidata á IBAS europea (Important Bird Areas) por mor da importante colonia ornitolóxica aquí asentada : son estes cantís derradeiro refuxio das especies en perigo de extinción do Cormorán moñudo e do Arao común. 

Outramente, entre as numerosas aves que habitan os ventosos cons desta costa, destacan o Paíño pequeno (Hydrobates pelagicus), a Gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), o Corvo mariño cristado (Phalacrocarax aristotelis), o Falcón peregriño (Falco peregrinus) e a Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax). 

A flora presente no Vilán amosa a dificultade do medre neste ambente erosivo mariño, estando por tanto fortemente limitada a vexetación arbórea. A Camariña (Corena album), endemismo galaico-portugués en regresión, é a protagonista xenuína deste espacio natural. 

A zona é rica noutros endemismos atlánticos ou galegos como a Iberis procumbens subsp. procumbens, Armeria pubigera, Sagina merino, Silene scabriflora subsp. gallaecica, Linaria polygafolia subsp. aguillonensis, ou o subendemismo Equinus rosulatum (Vivoreira). Resultan asemade de curiosa interese o Trevo branco (Trifolium occidentale), a Leiteiriña (Euphorbia portlandica), a Macela mariña (Matricaria maritima subsp. maritima) ou o Feno gris (Agrostis stolomifera).