|
|
Afonso
Xabier Canosa Rodríguez
As produtoras tradicionais de pataca hai xa máis de un mes que prantaron as patacas de cedo. Agora para abril, cando a lua non teña forza (cando está baixando) é a hora de prantar máis. De novo, mentres se producen toneladas de patacas tipo Kennebec, prantarase só un quintal de pataca fina, deixaranse uns regos para a pataca "que tivemos decote".
A razón para que se siga prantando? Tanto a sua calidade como a intelixencia das productoras, que prantan escasa semente para que o seu prezo vaia máis alto e ao tempo abastecen o mercado coa Kénnebec, unha variante que de momento se reproduce moito máis. O 19 de setembro de 1996 publicábase no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se recoñece a denominación específica "Pataca de Galicia", e nomeábase o seu consello regulador provisional. A pataca tipo Kénnebec, de orixe americana, é a que escolleu o Consello Regulador como única autorizada a vender baixo o nome de "Pataca de Galicia". Segundo Ricardo Losada, técnico do Consello Regulador, a razón de ter unha única variedade é evitar que haxa confusión entre os consumidores. O label basco rexsitrou 5 variedades e isto confunde ao consumidor. Para Ricardo a pataca fina é a pataca galega antes que a Kennebec. O Regulamento definitivo aprobarase dentro de un mes e xa se levan feito distintas accións informativas. Precisamente nunha publicación do Consello Regulador da Denominación Específica Pataca de Galicia afírmase que as patacas galegas son "as mellores patacas do mundo". O enxeñeiro José Maria Gaspart, autor de unha publicación sobre a pataca de Coristanco e experto agrónomo, coincide con Ricardo en que a pataca fina é unha variante evolucionada autóctona. Para Jose María é importante conservar a variedade. Hai que ver os termos nos que se define a calidade. "Hai patacas para ferver, para cocer, patacas para a ensalada…". A pataca Kénnebec, por exemplo, é moi boa para ferver pero non tanto para asar. A pataca fina é de unha calidade moi boa e cotízase moito mellor no mercado. O problema é que precisa unha inversión moi grande para mellorar a sua producción. O problema deste tipo de pataca é que non se reproduce como as demais, a sua producción é moitísimo menor e non resulta rendible.
O web da pataca galega estivo facendo un seguimento das patacas nos mercados locais. Nunha experiencia pioneira, fóronse presentando os prezos das patacas nas feiras, uns mercados extremadamente competitivos nos que o comprador ou compradora son auténticos expertos no producto. O resultado comparativo das distintas variedades deu un prezo medio aproximado das 60 ptas. kilo para a variante tipo Kénnebec e 110 ptas, chegando a 130 ptas para a pataca fina nas feiras de Paiosaco e Carballo. Esta diferencia de prezo é debida tanto á preferencia do consumidor pola pataca fina como á sua maior escaseza no mercado.
|
|