|
Os
que asinamos este documento, que temos en común
o nacemento ou a veciñanza nas comarcas que conforman
a Costa da Morte -e os que somos 'fisterráns' de
corazón-, queremos manifestar a nosa enérxica
protesta polo novo esquecemento e marxinación de
todo este territorio no chamado 'Plan Galicia 2003', pomposamente
presentado no Consello de Ministros do Goberno español
o pasado 24 de xaneiro na Coruña.
Toda Galicia, toda España e toda Europa sabe que
a Costa da Morte foi con moito a zona máis prexudicada
polo vertido do petroleiro Prestige, desde o punto de
vista ecolóxico, económico, social e mesmo
simbólico. Sen embargo, no 'Plan Galicia 2003'
só aparece unha única cousa, un parador
de turismo, como remedio milagre para a súa recuperación,
como se isto abondase para sacarnos dun atraso secular
que ten moito que ver co abandono destas terras occidentais
polas sucesivas Administracións.
A Costa da Morte é unha xeografía especial,
algo máis cá xuntanza de tres ou catro comarcas.
Na súa condición de Finis Terrae, este territorio
chega a representar a Galicia enteira. ¿Concibiriamos
este país sen símbolos tan enraizados como
Dombate, o Vilán, a Barca ou o promontorio de Fisterra?.
Despois de tantas declaracións grandilocuentes
por parte das autoridades, que facían concibir
esperanzas de que esta catástrofe fose o punto
de partida para sacar estas comarcas fisterrás
das súas carencias seculares, unha vez máis
vemos que, a pesar de sermos os máis afectados,
volvemos quedar esquecidos e burlados polos gobernantes.
Con razón un xornal titulaba, despois do citado
Consello de Ministros da Coruña: "A zona máis
afectada [Costa da Morte] queda fóra das grandes
infraestructuras".
Como cidadáns sentímonos indignados e reclamamos
un efectivo Plan Especial Costa da Morte 2003 se é
que de certo se quere poñer ó día
esta ampla zona costeira e interior que vai desde Monte
Louro e Carnota a Malpica e a Caión, onde non só
se contemple unha necesaria recuperación ecolóxica
que volva a natureza ó seu estado vital anterior
(isto implica non só a limpeza das praias, coídos
e cantís, senón a rexeneración da
flora e da fauna e da paisaxe alterada), senón
tamén unha recuperación económica
(unhas infraestructuras básicas: autovía
gratuíta de Carballo á comarca de Fisterra,
comunicacións decentes con Santiago, unha vía
férrea; modernización da cativa rede eléctrica;
rápido acceso a internet, etc.), unha recuperación
turística (menos declaracións vacuas e máis
realizacións de proxectos concretos baseados no
noso patrimonio cultural e natural) e, moi especialmente,
que non se esqueza unha recuperación social da
que a penas se fala e que pode levar a unha desvinculación
dos habitantes co seu contorno e todas as consecuencias
que isto conleva (depresións, paro, emigración,
alcoholismo, drogadicción, problemas familiares,
etc.).
Reclamamos do Goberno un verdadeiro Plano como punto de
arranque para a recuperación efectiva da Costa
da Morte, para sacala da súa marxinación
e esquecemento seculares; de pésames compasivos
e declaracións de boas intencións carentes
de orzamentos estamos sobrados.
Aquí
podes
facer pública a túa mensaxe de apoio ou
manifestar a túa opinión sobre esta catástrofe,
tamén
podes consultar as mensaxes recibidas.
|