|
Cando
hai anos fofografiei o Mar Egeo, non desexaba facer ese
traballo de prensa que tan ben estaban xa facendo os fotoxornalistas,
máis ben apetecíanme unhas imaxes que invitasen
á reflexión, que afondasen no sentimento
de impotencia que todos sentimos e , foi realizando estas
fotos, alteradas no mesmo momento de fotografar como tanto
me gustan, que sentín que xa as tiña feito
antes, moito antes, cando fotografara o Casón.
Era a mesma foto, cambia un ano por outro, cambia un barco
por outro, cambia Fisterra por A Coruña, era o
mesmo sentimento de impotencia e desacougo.
A
idea "é a mesma foto" era interesante,
aportaba universalidade ao acontecemento local; se fose
capaz de reunir ambas imaxes nunha soa obra sería
bo.
Primeiro
pensei en reunilas nuhna instalación con petroleo,
bidóns e todo iso, pero axiña me percatei
de que esa era a linguaxe da suciedade e a min interesábame
falar de limpeza, quería empregar a lingua da natureza
e non a das compañías petroleiras; por iso
preparei fermosos cubos de cinc con luz branca no fondo,
e enchínos de auga limpa do mar para que nela flotasen
as diapositivas dos desastres, así o mar podería
devolvernos as imaxes dos nosos naufraxios.
Montei
esta instalación en salas de arte de A Coruña,
Vigo, Valencia, e Tenerife, e sempre dei unha importancia
suprema ao feito de recoller auga limpa do mar onde queira
que estivese.
Agora,
o Prestige volve a evidenciar que era certa a idea: "é
a mesma foto", que máis dá onde ou
cando, que se chame Erika ou Exxon Valdés, que
sexa na Bretaña ou novamente en Galicia.
¿Fago
a foto outra vez?
Non,
xa non quero falar de barcos, xa quero falar de nós,
e como sempre, do mar, por iso escollín esta imaxe
de múltiples interpretacións, con máis
preguntas que respostas, chamada: "Percebeiros do
Roncudo"
Pero,
para moitos, será novamente a mesma foto.
Aquí
podes
facer pública a túa mensaxe de apoio ou
manifestar a túa opinión sobre esta catástrofe,
tamén
podes consultar as mensaxes recibidas.
|