BUSCADOR






24� Año - 5� Época - 20/09/2020
Parque do Megalitismo

A NOVA DEMORA DO PARQUE DO MEGALITISMO

Logotipo do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte

O pasado 17 de abril, en declaracións á prensa, fontes da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia confirmaban a demora de 7 anos máis, polo menos (ata o 2012) do PARQUE ARQUEOLÓXICO DO MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE, anunciado no ano 2001 para estar rematado no 2005. Co maior dos descaros, os responsables desta Consellaría aseguran que para este Parque no ano 2004 estaban destinados 145.000 euros, que, non obstante “han ido a intervenciones de megalitos en toda Galicia; que se sepa no ha habido ninguna [intervención] en la Costa da Morte”.

O SEMINARIO DE ESTUDOS COMARCAIS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA COSTA DA MORTE –que precisamente tiña previsto a celebración dun Simposio sobre o Megalitismo neste verán próximo- non pode permanecer calado ante esta nova afrenta, e acordou manifestar á opinión pública o seguinte

     1º. Á Consellería de Cultura parece que non lle abondou con manter oculto cunha burda lona de plástico durante CATORCE ANOS (desde as escavacións de 1989) o máis emblemático monumento megalítico da Costa da Morte e de toda Galicia, o dolmen de Dombate -“secuestrando” inxustamente a contemplación da chamada catedral das antas galegas a milleiros e milleiros de visitantes de toda Europa e mantendo de maneira irresponsable as súas milenarias pinturas á intemperie-, senón que agora nos anuncia a demora por moitos anos máis do tantas veces anunciado Parque, que era agardado con gran ilusión en todo o territorio por consideralo o gran proxecto vertebrador do turismo cultural das comarcas que conforman este amplo territorio occidental que vai desde as terras de Bergantiños ás de Carnota e Muros.

     2º. Esta decisión é un revés moi serio que pon ademais en perigo mesmo a existencia da maior parte dos monumentos, que se verán en perigo cun contorno agresivo, sen protección nin tutela efectiva da Administración. Por tal motivo, este Seminario vai presentar de inmediato unha firme protesta ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia por este inexplicable retraso, totalmente inxustificado. Agora que se anuncian as eleccións autonómicas, lembrámoslle ó Sr. Conselleiro que o Parque Megalítico fora promesa electoral do seu partido nas eleccións de 2001 co compromiso de telo realizado antes do 2005 (mesmo se incluíra logo no Plan Galicia). Rexeitamos que se xogue unha vez máis coas ilusións dunha zona economicamente tan deprimida, para a que se levan anunciando desde a Xunta grandes axudas e investimentos que despois nunca se concretan. ¡Abonda xa! ¡Xa está ben de tomarnos o pelo con tanta propaganda baldeira! Polo menos que non se insulte a nosa intelixencia.

     3º. Na actualidade estamos asistindo a unha enérxica campaña mediática da Xunta de Galicia para esixirlle ó Goberno central o cumprimento do Plan Galicia. En cambio, vemos que a propia Xunta incumpre a súa parte do Plan para a Costa da Morte. ¿Qué forza moral pode ter o Goberno galego ante a opinión pública se el mesmo non dá exemplo cumprindo cos seus compromisos con esta zona que, malia ser a máis prexudicada polo vertido do infausto petroleiro, fora a menos favorecida polas medidas compensatorias que despois se anunciaron? A Administración autonómica leva tempo marxinando a Costa da Morte e este aprazamento sine die do Parque Megalítico é unha proba máis.

     4º. Facemos lembranza dos máis representativos monumentos que figurarían dentro deste Parque Megalítico nunha senlleira ruta sen igual que atraería multitude de turistas de toda Europa. Malia o seu estado de abandono, chegan hoxe estudosos de todas as latitudes que se estrañan de que o Goberno autonómico permaneza de brazos cruzados sen poñer en valor esta riqueza: dólmens que figuran nas máis prestixiosas publicacións do Megalitismo europeo como a Pedra da Arca de Cerqueda (Malpica), a Pedra Moura de Aldemunde (Carballo), o de Dombate (en Cabana, verdadeiro “tótem” da cultura galega), a Fornela do Aplazaduiro (Laxe), a Arca da Piosa (en Zas, onde Pondal imaxinara a tumba do guerreiro Brandomil), Pedra Moura de Carnio (Vimianzo), Pedra Cuberta (Vimianzo, que investigaran en 1933 os Leisner, famosos arqueólogos alemáns), Pedra da Arca de Regoelle (entre Dumbría e Vimianzo, tamén investigada polos Leisner), a Casota de Berdoias (Vimianzo), a Mina da Parxubeira (en Mazaricos), etc., etc. Á Xunta de Galicia debera caerlle a cara de vergonza por manter este rico patrimonio desaproveitado e na máis absoluta desprotección.

     5º. Facemos un chamamento a todas corporacións municipais de todo o territorio, así como ós diversos colectivos cidadáns (asociacións de empresarios, culturais, de veciños, etc.) para que manifesten a súa opinión publicamente e mesmo envíen escritos á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia reclamando o cumprimento dos compromisos adquiridos.

     6º. Agora que en breve se vai entrar de cheo en campaña electoral retamos ós distintos partidos (en especial ó PP, BNG e PSOE) a que inclúan o cumprimento do Plan Galicia no tocante á realización de maneira inmediata do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, como punto de partida ou eixe vertebrador dun ambicioso plan de turismo cultural que contribúa a sacar este amplo territorio da súa secular depresión económica. Como é lóxico, estaremos vixiantes para que quen se atreva a incluír tal compromiso electoral o leve a cabo na seguinte lexislatura se chega ó poder.

     7º. Para demostrar a alta consideración que para todos nós ten toda esta riqueza arqueolóxica que de momento aínda conservamos, anunciamos que en breve iniciaremos os trámites para solicitar da UNESCO a declaración oficial de PATRIMONIO DA HUMANIDADE para os Monumentos Megalíticos da Costa da Morte, para o cal solicitamos o apoio e a colaboración de todas as asociacións das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Xallas e comarca de Muros. Agardemos que a Administración autonómica que xurda das eleccións autonómicas neste xuño de 2005 –sexa da cor política que sexa- se sume e mesmo lidere esta iniciativa, que sen dúbida poñerá en valor en todos os foros do mundo este rico patrimonio que constitúe un dos principais recursos desta zona occidental de Galicia liderada polo cabo Fisterra, zona que ademais dos megálitos conserva outras riquezas patrimoniais (como os faros, os pazos, os castelos e fortalezas, as ermidas, as pedras lendarias, os hórreos e outras construcións etnográficas, a paisaxe natural, etc.) que ata agora ningún Goberno foi quen de potenciar.

Vimianzo, 22 de abril de 2005.

Hemeroteca