O pasado 17 de abril, en declaracións á prensa, fontes  da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia confirmaban a demora de  7 anos máis, polo menos (ata o 2012) do PARQUE ARQUEOLÓXICO DO  MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE, anunciado no ano 2001 para estar rematado no  2005. Co maior dos descaros, os responsables desta Consellaría aseguran que para  este Parque no ano 2004 estaban destinados 145.000 euros, que, non obstante  “han ido a intervenciones de megalitos en toda Galicia; que se sepa no ha  habido ninguna [intervención] en la Costa da Morte”.
O SEMINARIO  DE ESTUDOS COMARCAIS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA COSTA DA  MORTE –que precisamente tiña previsto a celebración dun Simposio sobre o  Megalitismo neste verán próximo- non pode permanecer calado ante esta nova  afrenta, e acordou manifestar á opinión pública o  seguinte
     1º. Á Consellería de Cultura parece que non  lle abondou con manter oculto cunha burda lona de plástico durante CATORCE  ANOS (desde as escavacións de 1989) o máis emblemático monumento megalítico  da Costa da Morte e de toda Galicia, o dolmen de Dombate -“secuestrando”  inxustamente a contemplación da chamada catedral das antas galegas a milleiros e  milleiros de visitantes de toda Europa e mantendo de maneira irresponsable as  súas milenarias pinturas á intemperie-, senón que agora nos anuncia a demora por  moitos anos máis do tantas veces anunciado Parque, que era agardado con gran  ilusión en todo o territorio por consideralo o gran proxecto vertebrador do  turismo cultural das comarcas que conforman este amplo territorio occidental que  vai desde as terras de Bergantiños ás de Carnota e Muros.
     2º. Esta decisión é un revés moi serio que pon ademais en perigo mesmo a existencia  da maior parte dos monumentos, que se verán en perigo cun contorno agresivo, sen  protección nin tutela efectiva da Administración. Por tal motivo, este Seminario  vai presentar de inmediato unha firme protesta ante a Consellería de Cultura  da Xunta de Galicia por este inexplicable retraso, totalmente inxustificado.  Agora que se anuncian as eleccións autonómicas, lembrámoslle ó Sr. Conselleiro  que o Parque Megalítico fora promesa electoral do seu partido nas  eleccións de 2001 co compromiso de telo realizado antes do 2005 (mesmo se  incluíra logo no Plan Galicia). Rexeitamos que se xogue unha vez máis coas  ilusións dunha zona economicamente tan deprimida, para a que se levan anunciando  desde a Xunta grandes axudas e investimentos que despois nunca se concretan.  ¡Abonda xa! ¡Xa está ben de tomarnos o pelo con tanta propaganda baldeira! Polo  menos que non se insulte a nosa intelixencia.
     3º. Na  actualidade estamos asistindo a unha enérxica campaña mediática da Xunta de  Galicia para esixirlle ó Goberno central o cumprimento do Plan Galicia. En  cambio, vemos que a propia Xunta incumpre a súa parte do Plan para a Costa da  Morte. ¿Qué forza moral pode ter o Goberno galego ante a opinión pública se el  mesmo non dá exemplo cumprindo cos seus compromisos con esta zona que, malia ser  a máis prexudicada polo vertido do infausto petroleiro, fora a menos favorecida  polas medidas compensatorias que despois se anunciaron? A Administración  autonómica leva tempo marxinando a Costa da Morte e este aprazamento sine die do  Parque Megalítico é unha proba máis.
     4º. Facemos lembranza  dos máis representativos monumentos que figurarían dentro deste Parque  Megalítico nunha senlleira ruta sen igual que atraería multitude de turistas de  toda Europa. Malia o seu estado de abandono, chegan hoxe estudosos de todas as  latitudes que se estrañan de que o Goberno autonómico permaneza de brazos  cruzados sen poñer en valor esta riqueza: dólmens que figuran nas máis  prestixiosas publicacións do Megalitismo europeo como a Pedra da Arca de  Cerqueda (Malpica), a Pedra Moura de Aldemunde (Carballo), o de  Dombate (en Cabana, verdadeiro “tótem” da cultura galega), a Fornela  do Aplazaduiro (Laxe), a Arca da Piosa (en Zas, onde Pondal imaxinara a  tumba do guerreiro Brandomil), Pedra Moura de Carnio (Vimianzo), Pedra  Cuberta (Vimianzo, que investigaran en 1933 os Leisner, famosos arqueólogos  alemáns), Pedra da Arca de Regoelle (entre Dumbría e Vimianzo, tamén  investigada polos Leisner), a Casota de Berdoias (Vimianzo), a Mina da  Parxubeira (en Mazaricos), etc., etc. Á Xunta de Galicia debera caerlle a  cara de vergonza por manter este rico patrimonio desaproveitado e na máis  absoluta desprotección.
     5º. Facemos un chamamento a todas  corporacións municipais de todo o territorio, así como ós diversos colectivos  cidadáns (asociacións de empresarios, culturais, de veciños, etc.) para que  manifesten a súa opinión publicamente e mesmo envíen escritos á Consellería de  Cultura da Xunta de Galicia reclamando o cumprimento dos compromisos  adquiridos.
     6º. Agora que en breve se vai entrar de cheo en  campaña electoral retamos ós distintos partidos (en especial ó PP, BNG e PSOE) a  que inclúan o cumprimento do Plan Galicia no tocante á realización de  maneira inmediata do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da  Morte, como punto de partida ou eixe vertebrador dun ambicioso plan de  turismo cultural que contribúa a sacar este amplo territorio da súa secular  depresión económica. Como é lóxico, estaremos vixiantes para que quen se atreva  a incluír tal compromiso electoral o leve a cabo na seguinte lexislatura se  chega ó poder.
     7º. Para demostrar a alta consideración que  para todos nós ten toda esta riqueza arqueolóxica que de momento aínda  conservamos, anunciamos que en breve iniciaremos os trámites para solicitar da  UNESCO a declaración oficial de PATRIMONIO DA HUMANIDADE para os  Monumentos Megalíticos da Costa da Morte, para o cal solicitamos o apoio e a  colaboración de todas as asociacións das comarcas de Bergantiños, Terra de  Soneira, Fisterra, Xallas e comarca de Muros. Agardemos que a Administración  autonómica que xurda das eleccións autonómicas neste xuño de 2005 –sexa da cor  política que sexa- se sume e mesmo lidere esta iniciativa, que sen dúbida poñerá  en valor en todos os foros do mundo este rico patrimonio que constitúe un dos  principais recursos desta zona occidental de Galicia liderada polo cabo  Fisterra, zona que ademais dos megálitos conserva outras riquezas patrimoniais  (como os faros, os pazos, os castelos e fortalezas, as ermidas, as pedras  lendarias, os hórreos e outras construcións etnográficas, a paisaxe natural,  etc.) que ata agora ningún Goberno foi quen de potenciar.
 Vimianzo, 22 de abril de 2005.
                            Aviso legal
                            Tarifas 
                            © by Abertal