voltar

 
 
 
O Web Costa da Morte quere facer constar que as opinións verquidas neste espacio son absolutamente libres e alleas á opinión do noso espacio.

Autor: Roberto Traba Velay
Título: Un vello censo da vila

Esta semana andiven remexendo vellas libretas e amarillentos folios nos que teño escritos contiños, poemiñas e trapalladas que algún día terei que arranxar e ordear, aínda que para entón xa non saberei onde estará cada cousa, e todo iso descansará para sempre nalgún perdido caixón.

Afortunadamente, aínda podo de cando en vez botarlle unha ollada e disfrutar relendo cousas que escribín e traballos que só me dou por facer seguramente para mata-lo tempo.

Un deles consistiu en contar e recontar algúns dos datos que sobre a vila de Fisterra conteñen os máis de cen folios do censo que a mediados do século XVIII mandara realizar Zenón de Somodevilla, a saber, Marqués de la Ensenada, ministro de El Rei Fernando VI. A Fisterra chegou o 21 de agosto de 1.753 co fin de recabar datos Don Antonio Jacinto Montesy Piñeiro, avogado de la Real Audiencia de La Coruña, que tomou boa nota de todo canto había, e moi ben, pois hoxe só contando pódeste facer unha idea de como era a Fisterra daquel tempo.

Fai 350 anos, e tendo en conta que o censo realizábase por familias, contamos que o número é de 129 censados, ás que sumándolle os descendentes e achegados que alí constan permítennos dicir que a poboación era de 372 persoas.

Dos 129, 98 eran homes e 31 mulleres; de entre os varóns contamos 56 mariñeiros, 24 labradores, un traficante de viño, un zapateiro, sete tratantes de peixe, catro tratantes, un cardador de ovellas, tres xastres, estanquilleiro de tabaco, tratante de encaixe e tres que se declaraban pobres.

Das mulleres censadas como cabeza de familia, 24 eran viúvas e dúas solteiras, dándose a circunstancia de que dez eran palilleiras. Naquela Fisterra, e según o catastro, había doce barcos que pertencían comunmente ós propietarios-mariñeiros dos que sete eran mulleres. En canto á gandeiría, hai 51 xuvencas, 32 vacas, tres bois, 442 ovellas, 216 carneiros, 49 porcos, 23 burros, 11 mulos e 18 cabras.

Para rematar e como curiosidade, a frecuencia coa que aparecen os 129 apelidos das persoas censadas: 15 veces Fernández, 10 Díaz, 8 Trava e López, 6 Canosa e González, 5 Castro e Lires; 4 Liñeiro, Santamaría, Riveiro e Bermúdez; 3, Ballón, Caamaño, Marcote, Porrúa, Rivas e Santos; 2 Blanco, Cousieiro, Domínguez, Lobelos, Lema, Senlle, Silva, Suárez, Valdomar e Valdivieso e, por último, unha soa vez Ares, Bardullas, Cernadas, Carrera, Guerra, Gil, García, Insua, Lastres, Martínez, Malajo, Olveira, Pérez, Pazos, Recamán e Villar.

Outros artículos de opinión

Pode vostede enviar os seus comentarios e opinións, remitindo un correo electrónico a 'Opinión desde o Finisterrae'.

+
Recorde que pode mercar os libros e guías para coñecer mellor a zona en Librería Trazos

Lugares
Natureza
Que facer?
Contos
Pousada
Tenda
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com