|
|
![]() |
Título: Olimpiadas da Memoria A última vez que participei nunhas olimpiadas debeu de ser aló por 1976, tendo eu uns recén estreados catorce anos de vitalidade e de admiración tamén por aquela rapaza 10 chamada Nadia Comaneci, e aquel superhome anfibio coñecido como Mark Spitz. Era a Rúa da Cerca o estadio olímpico daquela Fisterra 76 e na súa estrada, no seu xardín e nas brancas areas da súa limpa praia competiamos amigos de entre oito e quince anos en deportes tan olímpicos como regatas, ciclismo de persecución sen bicicleta, natación, lanzamento de pedras ou hoquei con coleiro. A nosa imaxinación de rapaces obrigados a imaxinar facía que, a falta de barras fixas, potro con arcos ou xabalina, inventáramos novas disciplinas como carreiras con mans e pes no chan cara adiante e cara atrás, ou a resistencia en esquina por esquipos que, como o seu nome indica, consistía en ver cal era o grupo de rapaces que máis aguantaba sen caerse da beirarrúa dunha casa que fixera esquina. Non sei por que este novo deporte non gozou de popularidade internacional porque, a verdade, nos tempos dos que falo, foi un xogo do que os rapaces dos que falo botabamos man a miúdo cando non tiñamos balón ou botella de fútbol para disputar un partido no coñecidísimo Campo da Coroa. Pero antes de falarvos deste xa desaparecido estadio, deixádeme que vos conte que naqueles Xogos do 76 en Fisterra acadáronse espectaculares récords, non sei se mundiales, pero case case. O récord de darlle voltas ó Castelo de San Carlos tíñao o meu amigo Lago Haz, que lle dou máis de duascentas, contadiñas unha a unha por este servidor que, sen actuar de xuíz-árbitro, si daba fe ante os compañeiros de que as voltas foran dadas. Lago tamén era un especialista en lanzamento de pedras de non sei cantos quilos. Sempre nos sacaba sete ou oito pés de diferencia. Un fenómeno na disciplina de carreira con mans e pes no chan para atrás era Pequenote. Aquel rapaz que agora anda polas Suizas era unha fiera correndo como os cangrexos. Sempre gañaba, incluso dándonos vantaxe. No estadio olímpico da Cerca había tamén, como dixen, un campo de fútbol con forma de polígono irregular, no que había que saber Lepe para calcularlle a área. Unha das porterías era unha escaleira, e o campo era atravesado por outras dúas cara arriba e cara abixo no que tamén se xogaba. O inexistente banderín de córner estaba a un metro da portería. Para describilo, necesitaría todo un artigo, pero como sempre, non me queda espacio, igual que antes, que non nos quedaba máis remedio que inventarnos cousas, porque non había espacios para o deporte nin centros de altos rendementos, nin nada de nada. E non hai tanto tempo.
Autor: Roberto Traba Velay.
Outros
artículos de opinión
|
|||||||||
|