voltar

 
 
 
O Web Costa da Morte quere facer constar que as opinións verquidas neste espacio son absolutamente libres e alleas á opinión do noso espacio.

Autor: Roberto Traba Velay
Título: Canciños como estrelas

Fai un par de semanas, Peregrina, a cadela palleira con pedigrí abandoada en Fisterra por un peregrino con mala sangue, que tamén os hai, e adoptada por Manué, o pintor fisterrán-catalán, pariu seis canciños, machos todos eles e bonitos coma estrelas.

En realidade, os cachorros foron oito, pero dous deles viñeron ó mundo con tan poucos folgos que o meu amigo pintor non tivo máis remedio que deixa-los ir para o limbo dos cans, se é que efectivamente os cans teñen outro mundo máis alá, como o que temos nós, según din algúns. Manué fai todo o que pode para sacar adiante á súa nova familia e ata intentou investigar quen era o pai, pero creo que iso non lle vai valer de moito en caso de que queira iniciar medidas legais e solicitar unha pensión de manutención para Peregrina, porque me parece que, ó igual que o outro mundo, os cans tampouco teñen xulgado de paz nin de guerra donde poidan resorvelos sus propios conflictos.

Conste que, se en realidade houbera eses outros mundos e xulgados caninos, apostaría un contra dez a que funcionarían mellor que algúns dos nosos, por non dicir que moitos, pero iso é outra historia que non sei como ven a este conto.

O conto é que os canciños son tamén bonitos coma rosas, ou como estrelas, que dixen antes, porque según fontes de todo crédito, hai indicios racionais para asegurar que son fillos dun foxterrier máis ligón e chulero que conde Lequio, que xa é dicir.

Por estas e outras cousas, o pintor estache moi contento e ata semella outro con esta nova responsabilidade que asumiu. Claro que , ás veces, parece algo amargado, porque se non atopa rapidamente uns pais adoptivos para os seus fox-palleiros, non lle vai a quedar máis remedio que sacrificar á meirande parte deles. Hai que ve-la cariña que se lle pon cando di que vai a ter que matalos. Non che é unha cousa mui agradable, a verdade é que non. Para rebaixar un pouco máis a súa mágoa, conteille que, cando eu era pequeno, unha das diversións que tiñamos os rapaces era andar ós gatos ou ós cans. Aínda que principalmente ós gatos. Os rapaces máis vellos eran os encargados de poñer unha rede en lugares estratéxicos. Entre eles, os carrexos da Rúa da Cerca, aquí en Fisterra, ou, según me teñen contado, os da estreita calle da Pena de Cee, e ata polas escaleiras e calexóns empinados que, polo medio de Malpica, van dar á praia e ó porto. Aínda que por estes e outros lugares emplearían outros métodos.

Nas redes, como dicía, acababan mallando tal cantidade de gatos que, agora que o penso, non sei como había tantos. Unha vez enliados no aparello, o que procedía era acabar con eles, ben a pedradas ou ben tirándoos ó mar amarrados a un candán.

Claro que aquelo era unha salvaxada, ninguén di que non pero, polo menos, non nos adicabamos a matar ós nosos pais e ás nosas nais e ás nosas irmáns cunha espada de samurai, ou a acoitelar a unha rapaza para ver o que sente. Por certo, que esa tamén é outra historia que no sei como ven a este conto, porque este conto ven a ver se algún amante dos animais, dos que debe de haber moitos, lle quere un canciño a Manué. Se llo quere, endexmáis se arrepentirá. Ó fin e ó cabo, son fillos da cadela Peregrina, a cadela viaxeira que se quedou a vivir en Fisterra como tamén se quedaron os outros.

Outros artículos de opinión

voltar

Pode vostede enviar os seus comentarios e opinións, remitindo un correo electrónico a 'Opinión desde o Finisterrae'.

+
Recorde que pode mercar os libros e guías para coñecer mellor a zona en Librería Trazos

Lugares
Natureza
Que facer?
Contos
Pousada
Tenda
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com