voltar

 
 
 
O Web Costa da Morte quere facer constar que as opinións verquidas neste espacio son absolutamente libres e alleas á opinión do noso espacio.

Autor: Mercedes Queixas
Título: Os moinates de D. Camilo

Resulta cando menos sorprendente comprobar o repentino acordo da lingua, toponimia, antroponimia, xeografía, antropoloxía e cultura tradicional que Camilo José Cela manifesta no seu último libro Madera de boj. De súpeto, os xílgaros, doniñas, buratos, lobishomes, nenos, etc, atopan un lugar destacado, nin máis nin menos na súa lingua orixinaria, neste libro de tan ilustre Premio Nóbel. Mesmo xorden nas primeiras páxinas cantigas tradicionais (pp. 15, 17, 26, 27), ditos propios do refraneiro popular (pp. 22, 23), lendas galegas (pp. 31,32), que se amosan, sen pudor, para goce e ilustración do público lector, como é sabido, basto nos confíns das letrs hispánicas.

Toda unha ben recoñecíbel ambientación galega que, no entanto, ao cabo dunhas páxinas parece responder a un outro obxectivo único: oferecer un marco exuberante ou exótico para o discorrer dos inumerábeis personaxes da narración.

Para suplir os eidos de coñecemento lexical galego das elites alleas ao país de referencia, isto é Galiza, por estaren fóra del ou por se manifestaren con farto desarraigo, tal e como moitos dos personaxes asumen para si (pp. 22, 27, 31) -non dubidamos de que se trate dun caso persoal do autor, malia sabermos cal é a súa opinión sobre o escaso futuro das linguas minorizadas, enténdase tamén, claro está, o galego, a súa lingua de nacencia-, o libro conta, pois, cun oportuno "Vocabulario gallego-castellano", que ten a ben definir ou, por se acaso as entendedeiras fraquean, traducir directamente ao español o léxico empregado por Cela nesta última entrega narativa, que de seguro non derradeira.

É sabido que este tipo de apéndices son de grande estima e agradecemento para o lectorado pouco ilustrado, mais consideramos que cómpre facermos as seguintes puntualizacións a respeito de cales os criterios para esta selección:

1.- Non se entende moi ben a necesidade de definir aquel léxico que, por se trataren fundamentalmente de cultismos, coinciden co español, linguas de todos os galegos/as ben coñecida (ánima, ardentía, garrido, volanta, faneca...).

2.- Pola contra, sorprende a nula significación de léxico patrimonial (enchenta, merduleiros...), así como de expresións propias galegas disfrazadas baixo un aparente caparucho léxico español (tanto tiene, y más...).

3.- Tamén é significativo o especial interese polas definicións de voces como muiñeira ou percebe, pois, como é sabido, a nosa proxección cultural mundial interesada baséase no folclore e nas boas enchentas, como non hai moito tempo recordou o propio Cela ao se referir á Costa da Morte, lugar para foder y comer.

Mais, alén do cuestionamento sobre os criterios de elaboración deste exercicio de "aprenda galego en pocos minutos", non da autoría de Cela, é certo, mais de seguro baixo a súa supervisión e aprobación, o que nos parece unha falta de respecto absoluto é a nula seriedade e a carencia de rigor que require o labor de recolleita de definicións do léxico galego, oferecendo solucións incorrectas como é o caso de "olga", definido no vocabulario como "alga", cando realmente esta palabra galega culta significa "anaco de terra sementada"; noutras ocasións impera a imprecisión ou a definición a medias (choqueiro, ciscado, -iño...).

Pois ben, a modo de cum laude á falta de rigor na elaboración do apéndice léxico desta narración, aínda debemos reseñar a definición que se corresponde coa entrada "moinante", identificada, logo de catro diferentes acepcións, como "Seudogentilicio del natural o habitante de Carballo". Coidamos que o desliz non é xustificábel nin pola presenza do prefixo clásico que achega o significado de "falso". Aínda ignorantes da rigorosa fonte de información que ilustrou á autora do "Vocabulario", parece propio dun descoñecemento temerario da sociedade carballesa histórica e actual aventurar tal definición, englobándoa, sen rubor, dentro dos parámetros dun grupo social minoritario, malia contar na zona cun enclave importante. Non hai criba posíbel, deica en diante os habitantes de Carballo non son carballeses, senón moinantes.

Sen deixármonos levar por bruscos apasionamentos nin cóleras patrióticas localistas, mais co ánimo de as augas tornaren á súa canle orixinaria, fixemos un percorrido pola abundante bibliografía galega especializada na tarefa de definir o vocabulario, e coidamos, xa por adiantado, que por ningures se acha proba ningunha que poida xustificar tan irreal e desproporcionada definición, común, por outra banda, aos habitantes portugueses e cataláns.

Diccionario Xerais da Lingua.-
Moinante (de moina < fr. aumône [esmola]). Adx. e Subs. 1. Persoa que anda polas feiras e pobos vendendo e embaucando; mangante. 2. Arteiro, astuto. 3. Dise da persoa que simula pobreza para obter beneficios. 4. Aplícase á persoa que utiliza métodos cariñosos para consegui-lo que quere.

Diccionario da Real Academia Galega.-
Moinante-a. S. 1. Persoa que percorre feiras, festas patronais, etc., vendendo ou mesmo mendigando, e que adoita ter habilidade para enganar e aparentar humildade e sacar beneficio. Preto do adro había unha moinanta vendendo quincalla. 2. Persoa que anda en negocios pouco claros, amiga de enganos e de vida vagabunda. Non te fíes; é un moinante. SIN. truán, tunante, tuno. 3. Persoa desvergonzada e dada ó ocio. Ese moinante non quere traballar.

Diccionario da Lingua Galega Ir Indo.-
Moinante-a S. 1. Comerciante pouco honrado. 2. Persoa que aparenta pobreza para obter beneficios, nomeadamente a que anda vendendo e/ou pedindo en festas, romarías, etc. 3. Persoa que emprega mecos para consegui-lo que quere. Sin. arteiro. 4. Persoa que anda en negocios pouco claros, amiga de enganos e de vida vagabunda. Sin. truán, tunante, tuno. 5. Persoa desvergonzada e dada ó ocio. Sin. moino.

Dicionário da Lingua Galega (Isaac Alonso Estravís).-
Moinante.- Adx. e Subs. 1. Que ou quen anda sempre en festas, festeiro. 2. Malandro, vadio. 3. Vendedor ambulante. 4. Carregador, transportador de mercadorias. 5. Senvergoña. 6. Que ou aquel que se mostra cariñoso para conseguir algún proveito.

Dicionário da Língua Portuguesa (Porto Editora).-
Moinante.- Adj. e S. 2 gén. Que ou quem anda sempre em festas; malandro; vadio (Part. pres. de moinar). Cp. fr. aumône "esmola" e cat. almoina, "idem")

Outros artículos de opinión

voltar

Pode vostede enviar os seus comentarios e opinións, remitindo un correo electrónico a 'Opinión desde o Finisterrae'.

+
Recorde que pode mercar os libros e guías para coñecer mellor a zona en Librería Trazos

Lugares
Natureza
Que facer?
Contos
Pousada
Tenda
Feito da man de Abertal
Información : costadamorte@finisterrae.com