BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Actualidade
06-07-1999

Dous veciños da Costa da Morte percorrerán a ruta dende Roncesvalles.

RADIO NORDÉS E NERIA REIVINDICAN A PROLONGACIÓN DO CAMIÑO FRANCÉS.

Información ofrecida por Radio Nordés Os veciños de Mazaricos Xosé Antón Freire e Juan Manuel Pérez sairon xa de Roncesvalles onde iniciaron o seu percorrido en bicicleta polo Camiño Xacobeo ata Fisterra e Muxía, nunha iniciativa promovida por Radio Nordés-Cadena SER e coa que se pretende "reivindica-la prolongación do Camiño". O director de Radio Nordés, Pepe Formoso, asegurou que "o futuro turístico da comarca pasa polo recoñecemento deste treito, e nós, coma ente implicado na realidade da Costa da Morte estamos interesados en que se produza". Día a día, os peregrinos relatarán as súas vivencias no Camiño cunha conexión co magazine "Vivindo a Costa da Morte", que estará patrocinado pola asociación Neria. O secretario da entidade, Xan García, lembrou na presentación da iniciativa que a Xunta se comprometera no ano 92 a invertir sete mil millóns de pesetas nos concellos polos que pasa o Camiño, uns investimentos que aínda están por chegar á Costa da Morte. A chegada dos peregrinos e a celebración do V Congreso Xacobeo en Cee, no vindeiro mes de outubro serán, segundo García, o pistoletazo de saída a estas reivindicacións. Xan García, o secretario de Neria, que lembrou que a intención de fondo de iniciativas coma esta é acada-lo recoñecemento pola UNESCO da prolongación do Camiño, realizou tamén un chamamento á oficina do Peregrino en Santiago para que colabore na promoción do Camiño a Fisterra e Muxía. NA COSTA DA MORTE, HAI MOITO QUE VER !!!

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca