BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 20/11/2017
Actualidade
07-07-1998

NOVA EDICION DA FESTA DA CARBALLEIRA DE ZAS

O evento chega á sua quinceava edición e consolida-se como un dos festivais máis importantes do país. O mundo da música tradicional apostou polo camiño do folk desde hai varias décadas como plataforma de saída e promoción . A música tradicional viña sendo desprazada das romerias e ata chegou a vivir momentos moi duros despois de mediados de este século, cando o termo "gaiteiro" tiña case que connotacións negativas. A partir dos anos setenta a aparicición de Milladoiro supuxo un fito na historia da música galega e deberiamos dicir Historia con maiúsculas, isto é, Milladoiro e a música, deberan ter un lugar ao lado de nomes como os de Martin Codax, Pondal ou Rosalia. A entrada neste mundo do folk fíxose parella a unha etiqueta de música celta que, naquel momento, alén de axudar a establecer relacións continuadoras do galeguismo, era toda unha imaxe de marca. Foi tamén o camiño aberto polas relacións que nos 70 se dan por parte dos sectores máis conscientes e reivindicativos da identidade galega o que posibilita a saída cara a Bretaña, país que contaba xa con unha tradición na liña do que hoxe entendemos como "folk". O progresivo desprazamento dos gaiteiros e a música tradicional das romerias e verbenas, ficando a sua presencia no apartado máis solemene (alboradas e procesións) mais apartándoos da vertente lúdica (ocupada polas orquestras) asi como a aparición de grupos que seguian a estela de Milladoiro de anovar a música tradicional aportándolle novos campos (clásica, folk de outros países, nova instrumentación) propiciou a aparición de novos eventos musicais especificamente dirixidos á música galega. Parello a este novo camiño do folk, as entidades e asociacións locais conservaron por moitas parroquias e nas cidades a nosa música e bailes tradicionais. O seu labor de conservación e divulgación aínda non foi valorado como debera. En Irlanda son as escolas as que ensinan a música irlandesa aos cativos. Aqui as xeracións máis novas de galegos e galegas bailan, tocan e cantan gracias ao labor calado e constante de estas asociacións. O maior tesouro etnográfico musical rexistrado, producto de anos de recollida e de percorrer os máis afastados puntos da nosa xeografia, está disperso en múltiples hemerotecas particulares formadas á calor de estas asociacións. Un labor que entidades como o Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, comezaron a recoñecer e a valorar recentemente. Pois ben, dentro deste panorama, un lugar chamado Zas ten a honra de contar con un dos festivais hoxe por hoxe máis importantes e de maior prestixio. Zas é un topónimo dado por xermánico polos estudiosos, ultracorrección do seseo da zona, que é o mesmo que "sala" ainda que de antigo viria sendo "unha leira ou terra acoutada". Noutrora disque todo eran carballeiras e fragas, e as "Sás" ou "salas" eran precisamente as marcas do home sobre a natureza. Nestes tempos nos que xa as "Salas de Festas" comezan a ser parte do recordo (por certo nesta zona teñen un grande arraigo e paga a pena realmente ir a elas) temos a fortuna de que a "Sá" sexa unha carballeira. E a festa é labor de unha de esas asociacións que levan anos traballando arreo para que a xente disfrute de balde de figuras como as Pandeireteiras Aghrú (palabra comun en Bergantinhos e Soneira que significa "aturuxo") Xosé Manuel Budiño, Bágoa da Raíña, Navegante ou Solas e conte coa presencia de grupos como o da propia asociación, que dá xenio ver como bailan, ou da Asoc. Alfredo Brañas de quen hai que apreciar non só o seu baile e música senón tamén os traxes, de feituras únicas que responden ao antigo modo de vestir bergantiñán. Para os que ano a ano imos indo a esta nosa cita, Zas é o ponto de encontro de caras coñecidas, que nos vemos tamén en Guitiriz, Compostela, Calo, Moaña... Para quen nunca disfrutou de esta festa, dicir que hai que chegar cedo, antes de que se esgote a empanada e o polbo. A queimada vén máis tarde.

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca