BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
Actualidade
01-10-2001

O informe vense elaborando durante os últimos meses e podería saír á luz a finais deste mes de outubro.

A ASOCIACIÓN GALEGA DE AMIGOS DO CAMIÑO ESTUDIA A PROLONGACIÓN DO CAMIÑO

Os problemas e deficiencias que esta rota está comezando a sufrir nas zonas urbanas dos concellos de Fisterra, Cee, Corcubión e Muxía foi precisamente o tema central da Segunda Edición da Xornada sobre o Camiño de Santiago a Fisterra, celebrada o pasado sábado, 29 de setembro, no faro de Fisterra. En concreto, o estado de conservación e catalogación dos cruceiros da Costa da Morte foi o tema central dos debates da Xornada. O historiador Xosé Laredo Cornide centrouse na súa conferencia inaugural na importancia artística destes monumentos tan significativos no Camiño, facendo un percorrido polas diferentes pezas presentes ó longo da prolongación de Santiago a Fisterra, comezando polo da rúa do Home Santo e finalizando co de Santa María das Areas de Fisterra. Ó remate da conferencia abriuse un coloquio no que se falou principalmente da conservación destes monumentos. A este respecto, Antón Pombo, presidente da entidade, sinalou que deben ser os concellos, pola súa proximidade, os primeiros en vixiar, protexer e manter a prolongación do camiño de cara á súa utilización; algo que polo de agora non se está a facer nalgúns casos, segundo o señor Pombo. O propio Antón Pombo propuxo a posibilidade de recoller os cruceiros en museos; mentres Laredo Cornide entende que as pezas deben conservarse no seu lugar de orixe aínda que esto implique riscos. A Xornada tamén contou cunha mesa redonda onde poetas como Carlos Negro, Cesáreo Sánchez, Alexandre Nerium e Henrique Rabuñal fixeron unha análise da relación entre a poesía e o Camiño. Os dous primeiros mesmo explicaron as súas experiencias ó percorrer o tramo da Costa da Morte. Teremos que esperar ás vindeiras semanas para coñecer na súa amplitude a análise que sobre a saúde desta rota se recollerá no nomeado informe da Asociación Galega de Amigos do Camiño. Manterémolos informados.

Ligazóns

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca