BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 20/11/2017
Actualidade
02-11-1999

Roberto Traba Velay

INXENUIDADE POR VINTE PESOS

O luns actuaba Amancio Prada na igrexa das Areas de Fisterra. Mellor escenario para un evento de fin de milenio, imposible. Contan as linguas, malas e boas, que foi o mesmo artista quen puxo moitísimo interés en que o concerto tivera lugar no interior do templo e non no polideportivo nin noutro lugar. Posiblemente a elección dou lugar a comentarios dalgúns que pensaban entrar na igrexa e non poideron, xa que actuación foi un acto máis para os participantes no Congreso Xacobeo. Á fin e ó cabo, foron eles os que, según parece, financiaron o concerto, que por certo saía nun bo lote de pasta; así, é natural que se o cantante elexiu tan reducido escenario, os congresistas tiveran prioridade en ve-lo espectáculo. Polo que a min respecta, eu ese luns funme a dar unha volta por alí, máis que nada para ver se atopaba unha crónica para este xoves, pero ademais das curiosas olladas dos congresistas e os comentarios sobre a pantalla xigante que montaron no adro, nada. Nin polo norte, nin polo sur, nin por arriba nin por abaixo. Decidín ir cuns amigos a tomar uns cafeses ó Corveiro para facer tempo, mentres agardabamos a que empezase o concerto, déuseme por facer unha das miñas cando, casualidade, vin que onde nos atopabamos estaba Noel, rapaz escachapedras que anda polos dez anos e que fora mercar gusanitos. Noel, ven aquí, díxenlle moi serio chiscándolle o ollo a Xil, que tomaba café comigo. O rapaz achegouse curioso. Mira, vas fóra, continuei, e se ves a Amancio Prada tráelo aquí e dislle que veña ver ó seu amigo Roberto. Cando veñas, douche corenta pesos. Noel, como dicindo aquí hai negocio, mirou para min e preguntou que podía facer porque el non coñecía a Amancio Prada. A moza de Xil e Villalba, un bailarín do Rei de Viana, ollábanse aguantando a risa, e eu moi serio, deille explicacións, e que Amancio era un home que andaba por alí cunha guitarra. Vale, dixo Noel, e escapou pola porta como un raio. Non pasaron nin cinco minutos cando volveu, esta vez un pouco mosqueado preguntando se lle ía a pagar en caso de que non o atopara. Contesteille que, nese caso, daríalle vinte pesos, e Noel esfumouse outra vez pola porta. Serían xa as nove da noite e nos dipoñíamos a sair do bar para escoita-lo concerto cando aparece Noel e, con cara de infinita inxenuidade e cándida inociencia, dime, en baixiño: Roberto, é que me parece que ese señor marchou. Todos rimos e deille os vinte pesos. Foi o que me custou a crónica e a entrada ó concerto que, por certo, estivo de marabilla este primeiro do non milenio que, esperemos, non sexa a última.

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca