BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
Actualidade
01-10-2002

CONCEDIDO A LARACHA O 1º PREMIO DE INNOVACIÓN PEDAGÓXICA

Xosé Henrique Pujales Martínez, profesor do IES Agra Leboris de A Laracha, foi o gañador do II Premio Sgapeio á Innovación Pedagóxica en Centros de Educación Secundaria polo seu traballo Actividades de grupo para comprender a realidade. Comprender a realidade é unha ambiciosa e constante pretensión do ser humano. Ensinar a comprendela é unha actividade igualmente ambiciosa. Un mérito que a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións soubo ver no traballo que o profesor de matemáticas do IES Agra Leboris de A Laracha, Xosé Henrique Pujales, desenrolou cos seus alumnos de segundo de Bacharelato. Durante o curso 2001 - 2002 este profesor abordou xunto cos seus alumnos a análise da realidade máis actual coas ferramentas da materia Métodos Estatísticos e Numéricos. As matemáticas, tan inxustamente prexulgadas polo alumnado, convertíanse así nunha ferramenta atractiva para eles; o que de por si ten xa boa parte do mérito. Actividades de grupo para comprender a realidade é o título que engloba os traballos realizados polo profesor Pujales e os seus alumnos co fin de analizar de maneira crítica e científica a información procedente de diversas fontes, principalmente dos medios de comunicación; contrapoñela con posturas máis supersticiosas e desenrolar ao mesmo tempo a creatividade e o interese pola investigación. Temas como a validez dos detectores de mentiras, a discriminación sexual ou a verdade das premonicións e vaticinios foron abordados de maneira científica, fomentando así entre o alumnado as actitudes críticas fronte a unha cada vez maior saturación informativa ás portas da Era da Comunicación. Sen dúbida unha innovación (por non dicir rareza) no sistema educativo galego. Novas coma esta confírmanme algo que sempre pensei: non se é máis sabio por saber moito, senón por saber utilizar o que se sabe.

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca