BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 22/11/2017
Actualidade
01-08-2002

O xoves primeiro de agosto partiron de Santiago ao redor de 170 peregrinos co fin de percorrer o Camiño de Fisterra-Muxía.

AÍNDA O ALÉN.

No ano Santo de 1.999 foi recuperada e sinalada oficialmente a prolongación do Camiño de Santiago cara Fisterra e Muxía. Dende entón, cada ano xúntanse no Obradoiro un amplo grupo de peregrinos baixo a organización de Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e Neria para facer o antigo camiño cara o Finis Terrae. O Camiño de Estrelas recobra así a súa plena actualidade. Segundo crenzas populares de moitos pobos ao longo da historia (case ata a chegada da televisión), por el se guiaban as ánimas cara o Alén na procura do Paraíso. Na cultura celta alén do Finis Terrae estaría a Illa da Xuventude, a onde non podía chegar nin a morte nin a dor. Ata o Sol acougaba alí o seu esplendor. Non é de estranar pois que o occidente se convertira nun lugar de pregrinaxe baixo a certeira guía do Astro Rei. Na Idade Media, Fisterra foi destino de numerosos peregrinos que a cada paso purgaban os seus pecados ou as súas dúbidas ata chegaren ao Promontorio fisterrán no adecuado estado de ánimo para contemplar a Morte daquel Sol que ata alí os guiara e que logo renacería con eles nunha nova vida. Aos peregirnos que así o desexen e sexa cal sexa o seu motivo, espéranlles catro xornadas a pé por terras dos concellos de Santiago, Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra. Na primeira xornada os participantes na peregrinación camiñarán dende Santiago ata Negreira, con saída do Obradoiro ás 10:45. A segunda xornada levaraos de Negreira ata terras de Dumbría, con saída no Pazo de Cotón ás 8:30. En Olveira comenzará a xornada do sábado; a terceira xornada, que será a da chegada a Fisterra, onde ás sete da tarde os peregrinos recibirán a Fisterrana, que acredita a súa peregrinación. Ás nove da noite está programada a cita no Promontorio para contemplar a Morte do Sol. Para os que queiran prolongar o camiño ata o Santuario da Nosa Señora da Barca, a saída está prevista de Moraime ás 11 da mañán. Tanto para os que iniciástedes o camiño como para os que vos sumedes a el, boa e enriquecedora viaxe.

Ligazóns

Deixa aquí o teu comentario








Hemeroteca