BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
RAQUEIROS E PRAIEIROS
¿Verdade ou mentira ?

Piratas de terra

Piratas de terra

Tanto raqueiros coma praieiros eran auténticos piratas de terra. Os primeiros, máis sanguinarios, adoitaban asasinar ós náufragos, xa que os mortos non falan. Os praieiros, simplemente provocaban o naufraxio e agardaban nunha praia, previo estudo das correntes, a que a carga do barco chegara a terra.

O seu modo de operar era moi simple: nas noites de tempestade, ceibaban vacas cun candil nos cornos, de xeito que o barco que navegaba frente a costa, ó ve-la luceciña moverse, cría que había outra nave ou poboación moi preto. Deste modo, o barco aproximábase máis á costa para gorecerse, sen se decatar de que estaba a achegarse a perigosas rochas e a un fin seguro.

Aínda que os piratas de terra de Galicia son os máis famosos, hai constancia da existencia dos mesmos na Bretaña, Cornualla, Irlanda e no País de Gales. Pénsase que, por igual que acontecía na piratería marítima, os piratas de terra tiñan establecidos sistemas de información entre eles. Así, o paso de barcos con certas mercadorías por diante destes territorios xa era coñecido antes de que o navío chegara á determinada zona. É curioso observar que todos estos polos de piratería terrestre teñen un denominador común: a raíz fisterrá e céltiga, así como as antigas relacións entre todos estes pobos.

Dereitos de naufraxio

A explicación destas prácticas de piratería é moi sinxela. As primitivas vías de comunicación (ata os anos 1950 non chegan as estradas de asfalto), a incomunicación dos lugares e a falta de relacións coa xente do exterior, unha base económica dependente da pesca, e a dureza do inverno nestas terras (podía pasar moito tempo sen saír ó mar), causaba que un bo xeito de asegura-lo sustento fóra este tipo de piratería.

Por outra banda, a existencia dos "dereitos de naufraxio", que daban dereito ó señor feudal a unha porcentaxe do valor dos bens do barco naufragado, facía que se acolleran estas prácticas e que estiveran casi legalmente protexidas polo dono das terras, xa que para o noble supoñía uns ingresos que doutro xeito non conqueriría. Incluso se falaba da información ós raqueiros por parte do señor, a fin de que se fixeran co botín.

Aínda hoxe pódense oír moitos contos sobre sucesos con este tipo de xentes, os raqueiros; xentes que, segundo as lendas, ninguén coñecía, pero que si existían e utilizaban a noite para moverse polos seus propios camiños asexando posibles presas.

Hemeroteca