BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
LEMA OTERO

MANUEL LEMA OTERO

Lema Otero

No 1982 obtivo o premio de pintores naïfs artellado pola Fundación Barrié de la Maza, sendo membro dignatario do xurado o profesor Xosé Filgueira Valverde e a obra premiada a titulada "A batalla do Ebro".

Realizou exposicións en Santiago de Compostela, no Hostal dos Reis Católico, as súas obras estiveron no Pazo Quiñones de León en Vigo, no Museo de Pontevedra e logo fixeron un percorrido por Galicia.

Estamos a falar, ante todo, dun gran idealista, dun extraordinario creador e mesmo dun constante organizador.

Nas súas conversas dicía unha e outra vez "pintores naïf somos todos". Naïf é principiante e un pinta porque sente ese desexo. Así llelo fixo saber ós rapaces de Vimianzo nunha conferencia que lles impartiu sobre pintura naïf. Como conferenciante no Colexio Público de Cabana de Bergantiños explicoulles ós nenos tódolos seus inventos.

TEMÁTICA

Catálogo

Na súa obra Lema empregou ante todo a temática que se pode dexergar nos seus cadros:

Temática relixiosa: Santos, Cristo, a Virxe, a Trindade.

Vicios sociais: Casas de alterne, drogas.

Históricas: Temas funerarios como o dolmen de Dombate, castrexos como A Cidá de Borneiro e outros, os romanos, a batalla do Ebro.

Temática de oficios: Os encofradores.

Temática etnográfica ou popular: A Santa Compaña, muíños.

Outras obras tratan asuntos como a paisaxe, pero contamos tamén cun autorretrato.

Entre as estampas realizou unha na que a súa protagonista é a aparición da Virxe da Fátima.

As súas creacións están en lugares ben distantes e entre os que cito: Borneiro, Cabana, A Coruña, Palas de Rei, Suíza e mais.

TÉCNICA

Pobo

Para face-las súas creacións empregaba acrílico, acuarela, óleo, témpera.

Primeiro realizaba un esbozo sobre papel, logo levábao ó lenzo, despois corrixía e sinalaba as figuras e tódolos elementos que constituirían o asunto do seu lenzo. Por último preparaba as témperas e cando todo estaba rematado dáballe un esmalte especial.

As súas pinturas xeralmente realizounas sobre lenzo e cartolina. O lenzo en moitos casos preparábao el co que tivera a man.

Mais hai que salientar que o óleo derradeiramente deixou de usalo, xa que lle afectaba á saúde.

Non esquecía de repetir que a súa técnica consistía esencialmente en que "guste o que fai" e para iso pregunta moito denantes de elabora-la obra desexada.

Entre as súas cualidades está a de non ter présa, nin capricho e tiña un gran interese por sabe-las opinións dos que lle facían un encargo.

A SÚA MANEIRA DE VER

O señor Manuel era un home llano, sinxelo, nobre, servicial, galego, popular e amante do seu lugar e da súa terra.

Estaba sempre disposto a escoitar, sentía necesidade de informarse e non desbotaba nunca a oportunidade de obter coñecementos.

Na súa pintura aparece a realidade das cousas tal e como el as ve, tal e cono lle nacen, tal e como as sente ou tal e como llelas contaron. Coida moito os detalles, as informacións, as formas e as necesidades que lle bolen no seu adentro de darlle á arte a súa arte.

Gústalle crear, expresar, testemuñar eses mundos afastados da nosa vida con todo o seu vivir e con tódalas súas necesidades de amosarnos ese detalle que andamos a buscar, esa anécdota que nos garda o devezo imperante de coñecencia e doutra época.

O INVENTOR

Tellas

Desde estes primeiros anos ata a súa morte foron moitos os inventos que matinou o seu sempre bulideiro maxín:

INVENTOS

Tella plana de cemento. (Solicitude de Patente).



Bomba automática de subir auga sen gasto de enerxía. (Patente non solicitada).

Encubadora de pitos. (Patentada)

Sistema de alarma anteincendios.

Elaboración de gas metano a partir de esterco.

Escopeta de canos.

Libros das quinielas.

Molde para elaboración de capiteis para cruceiros.

Termómetro para medi-la temperatura de fornos.

Xoguetes articulados.



Conseguiu a patente dunha encubadora, número 158.277, asinada por tres enxeñeiros. A incubadora era "unha máquina que con casca de piñeiro, serraduras e leña, alimenta unha estufa que produce calor para manter un criadeiro de trescentos polos e catro incubadoras de 150 ovos cada unha. Con contrapesos de auga, accionados por catro espertadores, funciona un volteador para darlle as voltas que as galiñas lles dan cando incuban".

Outro dos inventos foi un sistema de detención de incendios. "Un cordel, pasado por unha roldana, átase onde está a mercaduría. No dormitorio do dono, encóntrase o outro extremo da corda. Cando arde o cordel, cae a lata e esperta ó dono". Con este sistema mesmo chegou a salva-lo seu criadeiro de polos nunha ocasión.

Fabricaba xoguetes con movemento, de vaivén, accionados por gotas de auga que caían desde un depósito de dous litros de auga. Un deles era un xogador de fútbol que movía unha perna e o outro, dous monecos que chocaban as mans.

Nos primeiros anos construíu unha escopeta de canóns, ademáis da propia munición. Como o material que a formaba era pouco resistente, abríuselle no momento do disparo e houbo de quedar cego.

Hemeroteca