BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
URBANO LUGRíS POR MALPICA
Relación entre o inxel pintor e Malpica

Lugrís

No fogar dos pensionistas colgan cinco murais que conversan cada día cos vellos mariñeiros xa derrotados da pesca á ardora.

Neles Lugrís reescribiu lendas como as que emergullan do chan das Sisargas ou dese mundo submariño que lembra a cidade asolagada dos Baixos de Baldaio. A caza de baleas, por lonxanos mares, fálanos da antigüidade desta vila mariñeira.

Lugrís

Outros murais encadran esta vila na xeografía da Costa da Morte, cos seus escarpados cantís ou alí onde, na rosa dos ventos, se escoita o zoar dunha vella melodía.

Un tríptico mariñeiro, enmarcado no seu pano, amósanos un drama en tres lances. Os trípticos haxiográficos, que presentan as lendas e atributos iconográficos de imaxes relixiosas malpicás e universais, ofrécennos, coma exvotos, coma mensaxe comunicativa, os seus símbolos e as súas lendas.

Lugrís

Como pintor dos fondos mariños, Urbano Lugrís soubo mergullarse na identidade desta vila mariñeira. Aquí, en Malpica, no canto dunha serea, Lugrís andaba á procura daqueles cazadores de balea, que debuxaban o mar coma se polos ronseis da illa de San Brandán fosen guiados.

Hemeroteca