BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Buño
Cerne galego da oleiría tradicional e de futuro

A oleiría tradicional de Buño

Olería Buño

Caracterízase principalmente pola súa cor escura e vidrada, decorada a pincel fino. As pezas máis populares e demandadas son as de uso tradicional coma pratos, viradeiras, chocolateiras, botixos, etc.

Os múltiples obradoiros artesanais en funcionamento que perpetúan esta enxebre profesión -algúns dos oleiros aínda cocen en vellos fornos do século XVIII- encóntrase nos fogares dos propios artesáns, pequenas tendas onde o visitante pode atopar todo tipo de pezas ou incluso observar o proceso de elaboración desta inxel cerámica. Unha mostra permanente desta riqueza oleira está exposta no Museu da Cerámica de Buño, no edificio de Expobergantiños.

A actividade oleira do lugar intensifícase na primeira quincena de agosto coa celebración na Casa do Oleiro da Mostra de Alfarería de Buño, grande festa-escaparate das mellores pezas manufacturadas no cerne galego da oleiría tradicional. Outras festividades importantes na localidade son o San Antón en xuño, Santa Filomena en agosto, e o Enterro da Micaela no Entroido, no que unha xigantesca moneca é levada por toda a aldea ata rematar coa súa queima.

Unha milenaria dedicación oleira

Oleiro

O lugar de Buño aséntase sobre chans de arxila pouco productivos en labores agrícolas. En troques, este condicionante exóxeno propiciou o desenvolvemento dunha importante actividade económica vencellada á producción oleira : a grande calidade e as diferentes características do abano de barros atopados en Buño convertérono no centro de cerámica popular de máis sona en Galicia.

A diversificación e o desenvolvemento desta industria da cerámica foi notable nas últimas décadas: a partir das pezas tradicionais de antigas maneiras céltigas, algúns oleiros comezaron a experimentar formas modernas e innovadoras, sendo concretamente a incorporación da muller ao labor creativo o que propiciou a maior revolución da oleiría de Buño. Carme Labrador Fariña foi a primeira amosando o seu estilo propio. Esperanza Lema Fondo integrou máscaras alleas e outros motivos galegos á tradición oleira, e novos valores como Dolores Faya Puñal e Pilar Gómez Caamaño continúan a proporcionar novas interpretacións ao arte de Buño.

Outeiro das terras de Bergantiños

Wolfram

Perto de Buño, na parroquia de Cambre, os quebrados cantís morren violentamente no océano, orixinando un acolledor contraste a senlleiras e pequenas praias de San Miro, Os Riás, As Torradas e A Pradeira.

Desde estes brancos areais érguese 383 metros cara ao ceo o Monte Neme, mítico alto compartido polas parroquias de Leiloio e Razo. No seu cume existía un lendario cromleque chamado "Eira das Meigas", destruído por mor da actividade mineira de extracción de wolfram. Desde a cima albíscase un vasto panorama que abrangue do Cabo Prior ata a Ría de Corme. No pé do Monte Neme, "Monte Sacro", como esta toponimia do antigo idioma celta galego indica, pódense ollar as terras de Carballo, Malpica, as illas Sisargas e o espacio natural de Baldaio.

Ligazóns

Hemeroteca