BUSCADOR






24� Ano - 5� Época - 22/01/2020
O MONTE NEME E A MINERIA DO VOLFRAMIO

Os comezos

Monte Neme

Aló polos anos da I Guerra Mundial comenzouse a rabuñar no Monte Neme este mineral que daquela era usado para os filamentos das lámpadas e para endurecer o aceiro. Sobre todo por esta última utilidade, o volframio estaba xa pasando a se converter nun mineral de carácter estratéxico, que os militares ingleses e alemáns tentaban ter o máis controlado posibel. Aínda que por aqueles anos o mineral da área de Carballo era xa coñecido, apenas foi explotado, ficando a minaría galega do volframio reducida a dúas zonas aproveitadas por unha antiga empresa inglesa, a de Lousame e a da liña que vai de Beariz a Fontao (Merza).

Os alemáns en Carballo

Nas vísporas da II Guerra Mundial, a Alemaña nazi, que non tiña no seu territorio minas de volframio, buscou desesperadamente unha fonte para se fornecer deste mineral de importancia estratéxica. Perante as previsibles dificultades de subministro desde a China ou Birmánia en caso de guerra, tiña que percuralo en Europa, onde este mineral é escaso, xa que se dá prácticamente só en Galiza, Portugal e na provincia de Cáceres.

A tal efeito, Hitler reclama ao goberno franquista, en pago pola axuda militar e económica prestada durante a Guerra Civil, autorización para organizar dúas empresas destinadas á explotación do volframio en Galicia. Como as antigas de Beariz e Lousame xa estaban en explotación, os alemáns dirixironse a dúas zonas que prácticamente estaban sen explotar, o núcleo mineiro de Casaio e a comarca de Carballo. Para este último obxectivo, e sobre todo para a explotación das de Monte Neme, constituiran en Vigo unha empresa denominada "Estudios y Explotaciones mineras Santa Tecla". Os alemáns chegan así a Carballo xa antes do remate da Guerra Civil.

O auxe mineiro

Monte Neme

O volframio galego tiña para os alemáns unha importancia decisiva. Era prácticamente a sua única fonte de subministro, algo que os americáns e ingleses sabían ben. Os alemáns precisaban do volframio galego para endurecer as blindaxes do seu armamento e os seus inimigos tiñan que evitar a toda costa que tal ocorrira para así poder furar fácilmente os seus Panzer. Galiza enchese así de axentes alemáns dispostos a conseguir o material a calquera prezo e de axentes aliados dispostos a evitalo. As minas da comarca de Carballo pasan así a ter unha importancia estratéxica descoñecida até aquela. O prezo do mineral multiplicase por cen. A febre mineira comeza en Monte Neme.

A febre mineira atrae á comarca toda caste de aventureiros e especuladores, namentras que o Monte se enche de mineiros. En conxunto, o diñeiro abonda e a actividade incrementa. A vila de Carballo medra como non o fixera nunca. Dos 1.500 habitantes que tiña no ano 1940, que é cando comeza a febre, pasa a poboación da vila aos 3000 en só dez anos.

... e a decadencia

O fin da Guerra Mundial significa o fin deste primeiro auxe mineiro, xa que os prezos caen pola oferta de mineral de países como os citados antes e doutros novos como Bolivia. Un segundo auxe prodúcese nos primeiros anos 50 por mor da guerra de Corea, que tira dos prezos novamente á alza, xa que a guerra interrompe os suministros do Extremo Oriente.

Co fin da guerra de Corea e a regularización dos suministros dos grandes productores, a mina de Monte Neme, como toda a galega do volframio, perde importancia e comeza a súa decadencia. A explotación de Monte Neme é precisamente unha das que resisten máis tempo, xa que aínda que non volverá nunca ao esplendor das épocas de guerra, vai seguir en funcionamento até os anos 1980. O fin da extracción de volframio cerrou unha época na que nomes como Carballo ou Monte Neme resultaban familiares en todas as chancelarias europeas.

A REGUEIFA, Revista Cultural de Bergantiños
Ano 1992, número 8

Hemeroteca