BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 14/11/2019
O COMBATE NAVAL DO CABO FISTERRA

Por: José Ramón Insua Trava

Napoleón decidiu invadir Inglaterra para o cal necesitaba a axuda da Mariña Española. O plan de ataque trazado por Napoleón foi aprobado en París polo almirante español Gravina, xefe da escuadra española á que puxo a disposición do almirante francés Villeneuve, comandante supremo da armada franco-española. Seguindo o plan de Napoleón, máis de 100.000 soldados franceses acantonáronse en Boulogne baixo o mando do xeneral Hoche para ser transportados a Inglaterra baixo a protección da escuadra aliada.

Villeneuve, seguindo a citada estratexia, saía coa súa escuadra do porto de Tolon, a mediados de marzo do 1805, con rumbo á Illa Martinica. Pasou ante Cartaxena sen esperar a que se lle unise a escuadra do almirante español Salcedo, como estaba acordado; fixo o mesmo en Cádiz sen esperar a Gravina, xefe de toda a escuadra española. Nelson perseguiu á escuadra franco-española ata que se decatou, nas Antillas, de que todo era unha estrataxema para afastarlo das costas da Canle da Mancha. Enviou un barco lixeiro a Plymouth para informar ao goberno inglés destes plans e da volta da escuadra franco-española a Europa.
O goberno inglés ordenou severamente ao almirante Calder (que coa súa escuadra patrullaba desde o Cabo Fisterra ao de Prior) que interceptase ao almirante francés. Calder, con menos barcos que o inimigo, debía atacalo para atrasar a marcha de Villeneuve cara ao Ferrol, a onde debía dirixirse segundo instrucións estritas do mesmo Napoleón.

As circunstancias parecían anunciar un combate naval até as últimas consecuencias por parte de Calder, para dar tempo ao regreso de Nelson, mentres que Villeneuve debía tratar de chegar o máis rápido posible a Ferrol, recoller reforzos e dirixirse a Boulogne para proceder ao ataque de Inglaterra. As dúas escuadras atopáronse o día 22 de xullo de 1805 a cen millas do Cabo Fisterra. Aquel día, a brétema era espesa e o mar estaba revolto. A peor parte, levárona os barcos españois da escuadra aliada que foron os atacados polos ingleses que capturaron dous deles. Ningún dos almirantes cumpriu as respectivas ordes terminantes que tiñan. Calder que se apuntou unha vitoria, marchou cara a Inglaterra e Villeneuve, incomprensiblemente, tomou rumbo en dirección á cidade de Vigo.

Napoleón exaltou a conduta dos españois e criticou a Villeneuve ao que mandaría substituír demasiado tarde para a escuadra aliada. Pola súa banda o Almirantazgo Británico abriu consello de guerra a Calder.

O 21 de outubro de 1805, produciríase a Batalla de Trafalgar que puxo fin a unha serie de desacertos do almirante francés Villeneuve.

Hemeroteca