BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 14/11/2019
ERMIDAS DE SANTA CATALINA E SAN ROQUE EN FISTERRA

Por: José Ramón Insua Trava.

Jerónimo del Hoyo dinos nas súas Memorias que en Fisterra había cinco ermidas: tres de San Guillerme que están no alto do Monte, a de Santa Catalina nun chairo próximo ao pobo e a de San Roque, que non está afastada da de Santa Catalina. A partir destes datos, é lóxico o noso interese por estes eremitorios.

O Fisterra máis "enxebre" tiña a súa entrada polos camiños de Barcia e Monte Farelo que desembocaban no actual barrio do Campo, primeira praza pública que tivo a Vila. A medida que esta se foi estendendo cara ao norte, é lóxico que se buscase outra vía de acceso á nova zona do pobo.

Naceu así o camiño do Montaron en cuxo tramo chairo que pasa por detrás das coñecidas Casas Baratas, se edificou a Ermida de Santa Catalina de Alexandría, patroa da pureza.

Despois de todo, unha das acepcións da palabra ermida é pequena igrexa situada en lugar despoboado. No ano 1830, este santuario carecía de tellado e conservábase un arco de bóveda, o altar de pedra e fronte á porta, o pedestal e fuste dun cruceiro. Os seus mellores restos leváronos os podentes para construír casas en Fisterra.

As noticias máis antigas sobre esta ermida consérvanse no Arquivo Parroquial de Duio, Fisterra, e son do século XVII.

As epidemias: vexigas, gripes, peste negra, cólera, etc, fixeron crecer a devoción por San Roque e así naceu a súa ermida no tramo que unía o camiño de Barcia co Río do Portelo, chamado así no século XII, hoxe coñecido como Río de San Roque.

A ermida de San Roque construíuse no século XIV sendo o seu estilo o gótico. Convén e moito lembrar que a senda e Cruz de Baixar, son do século XVII e en consecuencia, non existían. Detalle este importante polo que se ve a continuación.

No ano 1829, os restos desta Ermida de San Roque foron retirados, pechouse a extensa leira onde estaba situada, frontal dos restos que quedan do auténtico Camiño de San Roque por onde subían os peregrinos cara ao cruzamento co carreiro de Barca para dirixirse a Fisterra.

Hoxe este importante tramo do Vello Camiño de San Roque, resta esquecido, el que tanta xente conduciu á nosa Vila.

Hemeroteca