BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 14/11/2019
ERMIDAS E CAPELAS DE FISTERRA

Por: José Ramón Insua Trava

Ao estar situado o actual Faro de Fisterra no monte de San Uxio, a tradición di que está edificado sobre os cimentos dunha ermida dedicada a tal santo, pero non se conservan testemuños escritos de tal feito.

No Monte de Sardiñeiro, Fisterra, xunto á Fonte do Santo, hai restos da ermida de San Xoán do Monte. A imaxe principal está actualmente na fachada da Igrexa Parroquial de Sardiñeiro. Tampouco hai datos escritos sobre ela.

Nas Memorias de Jerónimo del Hoyo, dise, con claridade, que no alto do Monte de San Guillerme, Fisterra, existían no 1607, tres Ermidas de San Guillermo o cal é un dato moi importante pois só se conservan os restos dunha na cal se atopa a base dun sarcófago que acolleu o corpo de San Guillerme. Estraño nome. Quen era este santo? Non se sabe pero o máis seguro é que fose Guillermo X, último duque de Aquitania, Francia.

O mesmo Del Hoyo dinos que nun chairo que había á entrada do pobo, estaba a Ermida de Santa Catalina e preto desta, a de San Roque.

Destas dúas, non quedan restos materiais nin tradicionais.

Investigacións particulares, fixéronme concluír que a Ermida de Santa Catalina achábase onde actualmente está a Panadaría Germán de Fisterra, na Rúa Real.

En canto á de San Roque, estaba no vello Camiño deste Santo que enlaza a Praia Lagosteira co Camiño de Barcia que vén da aldea de San Martín, Fisterra.

Ambas desapareceron no século XIX.

Hemeroteca