BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 17/09/2019
60 HOMES. DOCUMENTO DE GUERRA (O Talieiro, 2001)

Por: Victor Rodríguez

Moita xente de Malpica, sobre todo os máis vellos, coñecen esta historia. Eu souben dela cando tiña pouco máis de oito anos e, desde o primeiro momento me fascinou. Os protagonistas directos son case sesenta homes, pero en realidade é todo o pobo de Malpica quen a viviu dun ou doutro xeito. Naqueles tempos de antes da guerra, o traballo dos mariñeiros estendíase de abril a outubro. Nos meses de inverno a desprotección do porto facía imposible que os barcos saísen pescar. Para facérense escoitar diante dos poderes públicos, os mariñeiros decidiron formar un sindicato. O obxectivo era o de reclamar a construcción de un porto no que se poderen refuxiar en caso de mal tempo. Detrás deste sindicato apenas existía unha motivación política. Só querían un pouco de seguridade no seu traballo. A Guerra Civil frea o desenvolvemento do porto. Os mariñeiros máis implicados co sindicato, que vían o que acontecía noutros lugares con aqueles que colaboraran coa República, decidiron escapar da guerra e do réxime fascista. Luís Rodríguez Villar naceu en Malpica o 6 de abril de 1908, e anos despois volvería nacer o 5 de maio de 1945, en Mauthausen.

Tería eu uns oito anos en 1978, cando Luís Rodríguez Villar, Luís da Rogita, regresou definitivamente a Malpica. Levaba en Francia desde que o trece de agosto de 1938 escapara da guerra, xunto con outros 26 homes, a bordo do San Adrián, co seu motor Líster de 20 cv. Case un mes despois, o 31 de agosto, marchou a Rocío con outros 29 homes. E un ano antes, o 28 de xuño do 1937, marcharan xa 11 homes a bordo do Montevideo, unha motora de 12 metros de eslora e un motor Badwin de 20 cv. Benigno Novo, quen marchou tamén no San Adrián, recorda perfectamente aqueles días da Guerra Civil. Este e o seu relato: Eu marchei porque quixen, pero outros marcharon porque se os collían, matábanos. O día de marchar atopei na muralla a Luís, que era o meu amigo, e que foi quen me dixo que ían marchar para Francia esa mesma noite. Eu díxenlle que tamén quería ir... e así foi como eu tamén me xuntei a eles.

O patrón era, Francisco de Rosa. Con nós ían Francisco Lado, que fora secretario do sindicato de mariñeiros nos tempos da República e tamén Cándido Chouciño, Carrillo e tamén Bernardino Garrido, Xudío, membros activos do mesmo sindicato. Eles levaban dous anos escondidos nunha casa da praia, na da tía María da Megía, esperando o momento de poderen escapar. Seguramente se os colleran, matábanos por seren do sindicato republicano. Saímos do Tallo, como se fosemos pescar calquera outro día, e fomos cara fóra da Illa. Alí deixamos a rede do barco a bordo da lancha e seguimos cara norte. Cincuenta e seis horas despois estabamos no Fisterra francés. A viaxe non foi fácil. O motor era de só 20 cv. A bordo iamos 26 homes, sen comida e, como non podiamos costear, porque nos buscaban as lanchas da Mariña, tiñamos que navegar a compás. Primeiro a norte e despois cara leste. Daba igual que chegaramos a Francia que a Inglaterra. O caso era marchar de Franco.Case ao final da viaxe, a altura do faro de Brest, collemos un temporal que a pouco máis nos bota a pique, pero poidemos chegar ao porto de Audierne. Alí esperábanos a gendarmería francesa, que non nos deixou saír do porto. Déronnos roupa para cambiarnos e un pouco de comida, pero obrigáronnos a marchar de Francia. Cara a zona de Franco ou cara Barcelona, na zona republicana. Escollimos todos ir a Barcelona. A min, a Vitorino de Leandro e a Jesús do Rapetón mandáronos ao frente, aos Pirineos, porque eramos moi novos e non tiñamos o titulo de patrón para quedar de carabineros de mar no porto de Barcelona.



Cando os nacionais tomaron Barcelona, buscamos refuxio en Francia, e alí nos internaron no campo de refuxiados de Argeles-Sur-Mer, que non era máis que un campo de concentración. Unha praia rodeada dunha alambrada na que case non nos daban de comer e non había onde refuxiarse da chuvia nin do frío. Alí estivemos varios meses, ata case o comezo da Guerra Mundial. En Argelés-Sur-Mer estiveron concentrados máis de 75.000 persoas. Para se resgardaren do frío e da choiva xuntábanse en grupos, facían un burato na area, espíanse, usaban unha manta para cubrírense, e tapaban as roupas cos seus propios corpos.

Cando nos soltaron, déronnos tres posibilidades, a de alistarse na lexión estranxeira e ir pelear contra os alemáns, volver a España, que era o mesmo que dicir ir ao cárcere, ou, se tiñas cartos, marchar cara América. Eu saíra de Malpica con dezaoito anos para escapar da guerra e estiven a piques de morrer afogado. Despois mandáronme ao fronte de Teruel, de onde tamén saín vivo para que me mandaran a un campo de internamento, que era estar pouco menos que preso. Xa tivera guerra dabondo e non quería meterme noutra. E entre o campo de Francia e o cárcere de Franco non había ser moita deferencia. Así que volvín.

De Francia o cárcere de Irún, de alí mandaronme o cárcere provincial de Burgos, despois pasaronme para o de Miranda do Ebro e de alí para o de Coruña. Os que quedaron en Francia foron á guerra. Ese foi o caso de Luís da Rogita, o de Antonio Suárez Blanco, Coruña, e o de Antonio Fariña Chouciño, Fariña. Os tres foron feitos prisioneiros case ao comezo da guerra, e deportados polos nazis ao campo de concentración de Mauthausen.

Neste tristemente célebre campo pasaron a maior parte da guerra Antonio Suárez , Coruña, o que era o patrón do Montevideo, estivo retido en Mauthausen co número 48281. O 24 de xaneiro de 1941 graváronlle a Luís da Rogita o número 4154 KLM no seu brazo esquerdo; na súa roupa un triángulo vermello cunha S identificábao como prisioneiro político español.

Luís dedicouse a traballar nas canteiras, canteiras coas que ía soñar ata a súa morte. Liberado polas tropas americanas o 5 de Maio de 1945, medía un metro sesenta e pesaba 35 quilos, o día do seu segundo nacemento; continuou vivindo en Francia alí refixo a súa vida ata que no ano 1978, no mes de agosto, regresa definitivamente a Malpica onde pasaría os últimos anos da sua vida, acontecida no 1987. Coruña tamén foi liberado polas tropas americanas o 5 de maio de 1945, volviu a Malpica un tempo despois.

Antonio Fariña, nº 4082, non tivo a mesma sorte. Foi fechado nese campo o 24 de agosto do 1940, e trasladado ao de Gusen en febreiro do 1941. Alí morreu tres meses despois.

Un terceiro grupo de mariñeiros poideron marchar a América, como José Castro, "Gelaso", Bernardino Chouciño, "Xudío", ou Ramón Arcay, "Ramón de Antonia", lograron marchar rumbo a América, a onde chegaron unha vez rematada a guerra española. Alí establecéronse en diferentes portos da costa do Pacifico, moi especialmente nos peruanos de Ilo e Chimbote. E así comezou a historia dos malpicáns en Chimbote... E en Chile, Ramón Rojo, que fuxira no Rocío xunto con José Novo e Rogelio Villar, foran algúns dos que conseguiron chegar a Chile a bordo do Winnipeg, e alí mantén a residencia.

Os que volveron, tras cumprir condena en diferentes cárceres, volveron
instalarse coas súas familias en Malpica e continuaron coa súa vida no mar.
Agora tiñan que prepararse para outra loita, a batalla da fame e das
miserias da guerra ia sair a superficie...


O TALIEIRO, Revista Cultural da A. C. TRALLA
Ano 2001, número 1

Hemeroteca