BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
A RUTA TURÍSTICA DOS FACHOS DE GALICIA. Por José Ramón Insua Trava

Por: José Ramón Insua Trava.

Parece coma se as únicas rutas turísticas de Galicia fosen os seus Camiños Xacobeos.

Dende logo, a dos FACHOS é bastante, xeograficamente falando, máis fermosa. O problema é que está sen crearse e promoverse.

O tema dos fachos, anacos, sargentías maiores e caudillatos non é moi coñecido. En 1.670, Domenico Laffi relata: No Monte Facho de Fisterra hai unha torre e está feita para acender lume na súa parte alta. Está aquí porque, de todas as nacións que navegan polo Océano, todos pasan a coñecer este Cabo Fisterrá e moitas veces desembarcan na Vila provocando moitos danos. Co lume da devandita torre fanse sinais ás vilas veciñas, as cales sucesivamente dunhas a outras se pasan o aviso de perigo polo que nunha hora todo o Reino de Galicia está sobreaviso e acoden armados cara a aquel cabo para defendelo.

Para aclararnos todo isto e máis, está a obra de D. José Cornide Descripción circunstanciada da costa de Galicia, e raia por onde confina co inmediato Reino de Portugal. De norte a sur, os fachos son os seguintes: Facho do castelo de San Damián, Porto Rinlo, Preguntorio de Foz, Burela, Viveiro, Ribadeo, San Ciprián, San Clemente de Moras, San Xulián de Faro, Santa María de Suevos, San Estebo do Val, Bares, Espasantes, Santa Marta, Capelada, Cedeira, Prior, Doniños, A Coruña (Monte de San Pedro), Sorizo, Cai¢n, Razo, Malpica, Nariga, Corme, Monte Tosto, Lourido, Touriñán, A Nave, Fisterra, Bouzas, Coruxo, Monteferro, Cela, Mougaz, Oia, A Garda, Santa Tegra e San Xulián.

Dende logo esta ruta turística é histórica, ampla e variada. Entro os séculos IX-XII, as costas galegas víronse atacadas por Vikingos, vándalos e musulmáns. Nos séculos XV, XVII, XVIII e XIX, fixérono ingleses, franceses, holandeses, etc.

Estes últimos ataques ao litoral galego fixeron que os nativos creasen unha rede de fachos que se intercomunicaba mediante fume ou lume cando algún deles divisaba barcos perigosos. Ademais avisan ao xefe dos "trozos", grupos de cen homes armados, e a vila ou vilas dispoñíanse para o seu defensa.

A forma destes fachos era variable pero todos se situaban en sitios de moi boa visibilidade polo cal, dende eles as panorámicas que se observan son moi bonitas.

A Ruta Turística dos Fachos sería unha creación orixinal e instrutiva, ademais de fermosa.

Hemeroteca