BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 24/11/2017
O SANTO CRISTO DE FISTERRA

Por: José Ramón Insua Trava

Moito se dixo sobre a maneira en que foi feito o Santo Cristo de Fisterra e Ourense. Os máis atrevidos chegaron a concluír que eran dúass momias. Procede pois clarificar este importante tema para consolo dos que somos os seus debotos e admiradores.
Ademais o noso paisano Vasco Pérez Mariño que foi o doante das dúas imaxes. agradecer o noso pequeno esforzo destinado a terminar dunha vez por todas, con tanta bobada como se comenta.

Mauro Castel Ferrer dá unha enorme importancia a estas imaxes e considéraas unhas das máis perfectas que ten o mundo e realizada por Nicodemos. Porreño considéraas obras marabillosas, tan notablemente brandas e suaves coma se fosen corpos humanos e vivos, agregando na súa obra "Nobiliario de Galicia" que ten cabeleira de cabelos naturais de home e uñas tamén de home. Sánchez Arteaga e Barros Sivelo néganlles todo tipo de valor artístico chegando a dicir este último que son efixies traballadas en pasta.

Benito Fernández Alonso insiste na condición de madeira da imaxe, á que están adheridas capas de tea que semellan pel, sobre as cales se debuxaron marcas, cardeais, ronchas, etc. O profesor Gómez Moreno estivo a recoñecer as imaxes durante máis dunha hora sen ser capaz de emitir xuízo sobre elas. Ferro Couselo e Lorenzo Fernández son os que se axustan á realidade dicindo que o tronco é de madeira recuberto dun tecido de liño con espesa capa de pintura. A chaga do costado é profunda e ten no seu interior un recheo de cáñamo ou esparto. No peito ábrense extensas chagas modeladas na pasta que o recubre e por todo o tronco áchanse pintados numerosas marcas. A parte inferior da caixa torácica está notablemente sinalada. Son os brazos os elementos máis realistas que fixeron crer a moitos que se trataba dunha momia. Teñen unha armadura interna que semella a osamenta e recúbrea unha materia branda envolta en tea de liño cunha grosa capa de pintura. As mans están modeladas con tiras de liño e ao oprimir os seus dedos nótase no seu interior unha armadura que semella exactamente as falanxes. As pernas non forman un todo co corpo senón que están realmente colgadas del. A súa unión co tronco está tapada cun pano de liño. A partir dos xeonllos, móstrase unha dureza semellante á do tronco. Os pés son postizos. As cabezas talladas en madeira, son dun realismo impresionante. As bocas profundamente abertas, é o que máis contribúe a dar a sensación de morto ao Cristo. As barbas, os bigotes e os pelos son postizos. Mide cada imaxe dous metros de alto e áchanse cravadas nunhas cruces de gallos pintadas de verde. Suxéitanas tres cravos.



Santo Cristo de Fisterra,
santo da barba dourada,
veño de tan lonxe terra,/
santo por che ver a cara.

Mariñeiros de Fisterra
non teñades medo ao vento,
que vos leva o Santo Cristo
ó porto do salvamento.

Santo Cristo de Fisterra,
non che veño pedir pan,
véñoche pedir un home
que faga temblar o chan.

Adeus, miña nai querida,
que me marcho desta terra,
cando volte hemos de ir
romaxe de Fisterra.

Pasamos a Ventoleira
e o mar quíxonos comer;
salvounos o santo Cristo
que non hai outro santo como él.

-Adeus, petón de Cabanas!
-Adeus, rio Anquieiro!
-Adeus, o campo do Facho!
Adeus, praia de Corveiro!.

Veño da Virxen da Barca,
veño de abalar a pedra,
tamén veño de vos ver,
santo Cristo de Fisterra.

Santo Cristo de Fisterra,
santo da barba dourada
axúdame a remontar
a laxe de Touriñana.
Os de Noia son ledos,
os de Muros aloqueiros,
os de Fisterra son mouros
e os do Son son chebucheiros.
Santo Cristo de Fisterra
ten unha pistola de ouro
para matar os do Son
por enriba de Monte Louro.

La Voz de Galicia do 7-4-2001, publica un artigo sobre a Semana Santa en Galicia que nos debe facer reflexionar moi seriamente aos fisterráns.

A devoción ao Santo Cristo de Fisterra iniciouse no século XIV facendo acudir á nosa Vila multitude de peregrinos procedentes de moi diversos países europeos.
Santo Cristo de Fisterra
Santo da barba dourada
Veño de lonxe terra
Santo, por te ver a cara.

A Semana Santa da nosa Vila ten a súa orixe na ALTA IDADE MEDIA por influencias de Ordes Mendicantes. Á súa antigüidade únese a orixinalidade da cerimonia da Resurrección, única en España.

A danza " Das Areas" era bailada por mozos en traxe branco e faixas multicolores que brandían espadas e non paus como sucede agora. A súa antigüidade pérdese nos tempos medievais.

Catro veces, polo menos, variouse a forma do sitio onde se celebra a resurrección de Jesús e en cambio mantense o hábito azul da Virxe, cor de loito entre os xudeus, logo que Magdalena e o Anxo lle anunciase que o seu Fillo xa non estaba morto.

Do Encontro, que tiña lugar na praza da Vila, xa non queda nada e o paso da Oración na Horta, obra dos Irmáns Rivas de Santiago, está en tan mal estado de conservación que xa non se lle saca en procesión.

Aínda que pode ser certo que se produciu un decaimiento da relixiosidade en xeral, hai moitas excepcións e o turismo é unha nova corrente de afluencia de xentes a aqueles sitios nos que as cousas e actos se manteñense "enxebres". Tamén estes desprazamentos poden ser aproveitados para inculcar valores relixiosos e non só estritamente económicos.

Os canons do Concilio Vaticano II causou que moitos párrocos non respectasen a tradición de certos pobos ao introducir mudanzas causantes dunha alteridade contraria á cohesión destas vilas non afeitas a variacións nun tema tan serio.

Ou recuperamos a Semana Santa dos nosos antepasados ou veremos, a non tardar, a paulatina difuminación da única Resurrección de Cristo que se celebra en España. O tempo da ambigüidade, rematou.

Hemeroteca