BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
ROTEIROS POR CARBALLO

ROTEIRO 1

Carballo

Saír de Carballo cara a Razo. Ao chegar a As Torres, xirar á dereita cara á parroquial de S. Breiximo (Verísimo) de Oza, interesante polo "Santo da Casaca" da súa fachada e polo seu maxestuoso retábulo (o santo e o retábulo son barrocos, do S. XVIII). Antes de chegar á devandita igrexa hai un pequeno oratorio.

Na propia aldea de As Torres, xiramos á esquerda, pola estrada que vai a Cances. A carón da entrada a As Torres, obsérvanse os alicerces cuadrangulares da torre derrubada polos irmandiños. No propio rueiro de As Torres, de estructura medieval, consérvase no lintel da porta da casa central unha inscripción antiga.

Saíndo de As Torres en dirección Serantes, chántase nunha encrucillada un cruceiro moi traballado -representa unha custodia-. As seguintes aldeas, Serantes do Medio e O Rodo manteñen a tipoloxía urbanística rural (cabazos con celeiro, etc.). En O Rodo, treitos da calzada romana Coruña-Corcubión ou Vía Per Loca Marítima. Seguindo cara a Cances, no campo á esquerda, érguese un pequeno castro (o de Oza), de perfecta feitura cilíndrica.
Cances conta con algunhas casas de apariencia señorial e cun impoñente castro con antemurallas, onde vivían as "Mouras Loiras", e na parroquial de San Martiño acháronse sartegos cubertos de tella, tardorromanos ou suevo-visigóticos.

De Cances coller a estrada a Malpica ata o seguinte pobo, Vilariño. Alí, camiñar a pé pola pista do Monte San Amaro (un dos terreos máis vellos de Europa) ata a Feira de Leiloio, concello de Malpica, foco comercial medieval (e, se cadra, romano), ao pé doutro castro, beireando o Monte Neme ata subir a el por unha pista sinalizada: fermosa panorámica de toda a bisbarra de Bergantiños, en cuio cumio suponse que houbo un cromlech onde se sentaban as meigas bergantiñanas no aquelarre da noite de San Xoán, para planexar as falcatrúas do seguinte "curso". Tamén houbo a ermida de Santa Cristina, para desterrar o mal, coas súas herbas sanadoras.

Baixando do Neme e cruzando Aviño (Malpica), pobo feito cos cachotes da derrubada fortaleza do mesmo nome, seguir a estrada cara a Santa Mariña.
Na praia de Razo vese no mar o Baixo de Galilea, coa lenda desta cidade asulagada por non acoller á Sagrada Familia. O Cantil de Razo é unha praia fósil. Seguindo cara a Lema, ver a Torre Pardiña, un castro reutilizado polos romanos como torre de vixía. Antes de Lema, nun alto, atópase a ermida de Santa Eirena do Castrillón (sobre un castro): di a lenda que a ermida foi sacada, pedra a pedra, da Lagoa de Baldaio, área ecolóxica de grande interese ornitolóxico, con algunhas londras (ver "Guía de espacios naturais de Galicia", Galaxia, Ignacio González). A igrexa de Lema ten unha feituca fachada barroca.

Textos:
Luis Antonio Giadás Álvarez / Xan Fernández Carrera

ROTEIRO 2

Saír de Carballo cara a Porto de Rama (área recreativa), cruzar a pé cara a Bértoa. Alí, en coche, chegar ó Muiño da Cheda e cruzar o Anllóns, cara ó Bosque do Añón. En Verdillo estaba a cadea da xurisdicción de Bergantiños, a carón da igrexa de San Lourenzo, e era sonada a Feira de Verdillo, xa que a estrada Coruña - Cee pasaba por alí ata que o redescubrimento das termas de Carballo, a mediados de S. XVIII, desvía a estrada por Carballo

De Campo de Verdillo, seguir ata Sofán e San Bieito de Paradela (quitar o meigallo), seguir ata Aldemunde (ó final do pobo, restos dun dolmen). Volver a Sofán e coller cara a San Adrián da Piña: á dereita queda o castro máis pequeno de Bergantiños, o de Guntián, antiga Torre Asperón. En San Adrián, fonte milagreira das berrugas. Voltar a Sofán e coller cara a Vilardefrancos (pazo-fortaleza co carballo casamenteiro de San Antonio e, na lareira de enfronte, un curioso peto oratorio).

Enlazar en A Brea coa estrada Carballo - Santiago (desvío opcional á ponte romana-barroca de Lubiáns) e coller a recta de Rus: igrexa de Ardaña e o seu rito de quitar a sombra ós nenos, pasándoos por enriba da imaxe de San Vicente; na estrada, á dereita, cara a Traba e San Roque de Coristanco, está a Braña Moura (chamada así porque afogara un gato negro), onde houbo unha cidade asulagada. Na estrada da esquerda deste cruce da recta de Rus está a Igrexa de Rus, a mellor fachada barroca de Carballo, rareza arquitectónica que se debe aos monxes de San Martiño Pinario, señores do Couto de Rus. Próximo a ela a ermida de Santa Eufemia (área recreativa), disque erguida por un cura, en acción de gracias por terse podido agochar dos carlistas.

Preto de alí, a fervenza (moi descoidada) de Caxín.Volver a Santa Eufemia e seguir cara á Silva: aldea de Ferrol, coa capela a San Ferreol e onde podedes aproveitar para curar as hemorroides se vos sentades na pedra que está no lugar. Retomar cara a Anxeriz e baixar a Entrecruces. Á dereita, collemos ata a Férveda, impoñente, aparcando na capela dun santo exclusivo de Bergantiños: San Paio de Xaneiro, ou sexa, San Paulo o Ermitán. Próximo á ermida, agochada entre as silvas, a fonte de Amén Xesús, onde se lavaban os panos dos endiañados, para sacarlles os pelos e as plumas dos animais que os enmeigaran. En Entrecruces houbo, a mediados deste século, unha virxe que "choraba".

Textos:
Luis Antonio Giadás Álvarez / Xan Fernández Carrera

Ligazóns

Hemeroteca