BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
LAGOA DE TRABA

Excepcional fogar de especies Neárticas

Traba

A praia de Traba, unha das máis longas de Galicia con case 3 qm. de arco, forma parte dun rico ecosistema composto asemade polo seu correspondente cordón dunar, unha lagoa de grande interese ecolóxico, e máis os Penedos de Traba, atípicas formacións graníticas catalogadas por Isidro Parga Pondal como Granito Rosado de Traba.

Testemuño pasado da vida do Rei Afonso VII, a lagoa de Traba, de apenas 1 qm. de longo, é un espacio que orixina un grande contraste en días de temporal ao escorregar nas súas doces augas as furiosas ondas salgadas do Atlántico.

Dentro dos espacios naturais galegos, a lagoa de Traba posúe alta relevancia por acoller aves de procedencia Neártica "Hot spot", que chegan ás costas Atlánticas desde o continente Americano axudadas polas correntes dos ciclóns.

Non se pode deixar de visitar

Traba

Entre as aves presentes neste conxunto paisaxístico, destacan polo seu valor ecolóxico a cría de especies coma o Galiñola bicuda (Rallus aquaticus), a Garza pequena (Ixobrichus minutus), a Folosa unicolor (Locustella luscinoides), a Folosa das canaveiras (Acrocephalus scirpaceus), a Folosa grande (Acrocephalus arundinaceus) e a Píldora das dunas (Charadrius alexandrinus).

Cabe destacar igualmente a condición de Traba como lugar de paso migratorio regular da Folosa acuática (Acrocephalus paludicola), unha das aves máis ameazadas do Planeta. Outro atractivo da zona é a invernada de Anátidas, especialmente de Pato cristado (Aythya fuligula), chegando a cifras de máis de 1OO aves, coma no inverno de 1980. O cordón dunar é tamén sitio habitual de invernada do Alcaraván (Burhinus oedicnemus), e de numerosas Gaivotas e Limícolas.

Ligazóns

Hemeroteca