BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
MONTE BRANCO ESTEIRO DO RIO ANLLONS

Paraxe de inspiración pondaliana

Anllóns

Situado nunha típica ría da Costa da Morte, de aberta desembocadura e costa de cantil, atópase o Monte Branco, chamado así por estar o seu solo formado de area branca. A acción de mareas e vento ten acumulado no Monte e no esteiro gran cantidade de area, modelando unha lingua areosa, A Barra, de 2 qm. de lonxitude e 500 m. de largura.

Extrordinaria reserva paisaxística, o conxunto natural está tamén formado polas ínsuas de Cagallóns e Tiñosa, e pola recollida praia e peirao de Balarés, onde se embarcaba wolfram nos tempos da II Guerra Mundial. Por estas paraxes adoitaba pasear o Bardo de Ponte-Ceso Eduardo Pondal, que encontraba inspiración ollando Bergantiños desde o magnífico panorama do Monte Branco :

Que diga ó mariñeiro,
Rudo fillo de Osmo,
O entrar pol-a Barra,
Volvendo o escuro rostro :
- Alí jaz o que fora,
Noutro tempo cantor do eido noso.

Riqueza ornitolóxica e piscícola

Ría

O espacio natural do Monte Branco é importante couto de angula, lamprea, reo, salmón e troita, así como refuxio de aves migratorias e mamíferos como a nutria e a xineta.

As extensas chairas limosas da baixamar proporcionan rica cantidade de alimento a aves como o Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), o Lavanco (Anas platyrrhynchos), a Píldora das dunas (Charadrius alexandrinus), o Mazarico real (Numenius arquata), a Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax), etc.

Os fortes ventos da zona desprazan a area cara o interior do sistema ou ladeiras do monte, causando a formación de vexetación dunar a unha altitude considerable respecto ao mar. Destacan entre estas poboacións dunares as especies de Corregola de praia, (Calystegia soldanella), Leiteira (Euphorbia paralias), Pancratium maritimum, Laurus nobilis e Silene littorea. As zonas de marisma conteñen a típica vexetación de xunqueira (Juncus maritimus) e carrizais (Phragmites australis).

Ligazóns

Hemeroteca