BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 20/11/2017
LAGOA DE ALCAIÁN - BRAÑA RUBIA

Brañas altas de Bergantiños

Lagoa de Alcaián

A Lagoa de Alcaián encóntrase nas terras de Coristanco, no verde e despoboado interior de Bergantiños. A auga é o elemento omnipresente neste verxel que polas súas condicións naturais é idóneo para o deporte da pesca -no Anllóns e especialmente en Verdes- e da caza, tradicional actividade nestes extensos montes.

Opostos ás brañas altas atópanse os fértiles vales de Coristanco, especializados na producción da mellor pataca do mundo. Solos tamén ricos en minerais, principalmente en caolín e wolfram, a exploración de titanio nesta paraxe ten estragado o ecosistema da Braña Rubia, aínda que este espacio natural segue a conservar atractivos interesantes.

Fauna e Flora

Canis lupus

Os montes de Coristanco son un dos poucos lugares en Galicia onde todavía se pode escoitar o noitébrego oubido do Lobo (Canis lupus). Xunto ao cánido, lagoa e braña acobillan unha variada comunidade de Herpetos, a salientar o Lagarto arnal (Lacerta lepida), Lagarto das silvas (Lacerta scheiberi), Lagartixa galega (Podarcis bocagei), Víbora galega (Vipera seoanei), Ra de San Antón (Hyla arborea), Ra verdexada (Rana perezi), Sabanduxa (Triturus boscai), Pintafontes (Triturus marmoratus), etc, moitas destas especies endemismos exclusivos de Galicia.

No tocante á comunidade de aves destaca a presencia das outeantes Rapaces, entre cais o Miñato (Buteo buteo), Azor (Accipiter gentilis), Gavián (Accipiter nisus) e Tartaraña cincenta (Circus pygargus). Outrora importante en aves acuáticas, só se atopan actualmente o Lavancos (Anas platyrrhynchos), o Chasco norteño (Saxicola rubetra) e o Picanzo vermello (Lanius collurio). No próximo Monte Campelo, é posible observar concentracións de Sisón (Tetra tetrax) sobre todo a finais do verán.

Emprazada sobre un substrato xeolóxico de materiais básicos procedentes da corteza oceánica, a turbeira é rica en musgos (Sphagnum) e en Drosera rotundifolia e Drosera intermedia, pequenas prantas insectívoras ameazadas de extinción. Achanse tamén os endemismos ibéricos do Narcissus asturiensis, a Turberaria globulariefolia, Myrica gale, Eriophorum augustifolium, e o endemismo do Monte Castelo da Centaurea ultreiae.

Ligazóns

Hemeroteca