BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
CABO VILÁN

Faro Vilán, gardián da Costa da Morte

Faro

Chantado no granítico penedo do Cabo Vilán, o sobrio faro outea sobre a brétema o incesante tráfico marítimo da Costa da Morte. Debido á perigosidade desta costa, a vella torre de lume transformouse en 1896 nun potente faro eléctrico de 40 millas de alcance luminoso en intervalos de 15 segundos.

O vento é o factor constante deste vixía oceánico. As rachas norteñas son un potente axente erosivo que impide o medre normal das especies vexetais e traballa nas formas minerais, creando curiosas figuras como acontece na Pedra do Oso. O vento convértese tamén en enerxía de vida por medio das aspas do zoante Parque Eólico do Cabo Vilán.

Sitio Natural de Interese Nacional

Cabo Vilán

O Cabo Vilán é zona de alto valor ecolóxico, candidata á IBAS europea (Important Bird Areas) por mor da importante colonia ornitolóxica aquí asentada : son estes cantís derradeiro refuxio das especies en perigo de extinción do Cormorán moñudo e do Arao común.

Outramente, entre as numerosas aves que habitan os ventosos cons desta costa, destacan o Paíño pequeno (Hydrobates pelagicus), a Gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), o Corvo mariño cristado (Phalacrocarax aristotelis), o Falcón peregriño (Falco peregrinus) e a Choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax).

A flora presente no Vilán amosa a dificultade do medre neste ambente erosivo mariño, estando por tanto fortemente limitada a vexetación arbórea. A Camariña (Corena album), endemismo galaico-portugués en regresión, é a protagonista xenuína deste espacio natural.

A zona é rica noutros endemismos atlánticos ou galegos como a Iberis procumbens subsp. procumbens, Armeria pubigera, Sagina merino, Silene scabriflora subsp. gallaecica, Linaria polygafolia subsp. aguillonensis, ou o subendemismo Equinus rosulatum (Vivoreira). Resultan asemade de curiosa interese o Trevo branco (Trifolium occidentale), a Leiteiriña (Euphorbia portlandica), a Macela mariña (Matricaria maritima subsp. maritima) ou o Feno gris (Agrostis stolomifera).

Ligazóns

Hemeroteca