BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
CABO TOURIÑÁN

Segundo Cabo máis occidental de Galicia

Cabo Touriñán

O brazo de terra do Touriñán adéntrase decididamente no Atlántico camiño do Fin do Mundo, acadando a máxima lonxitude occidental de Galicia con 9 grados 18` 19`` ao Oeste de Greenwich, sendo minimamente superado na viaxe cara o Paradiso polo Cabo da Nave, en Fisterra, e o Cabo da Roca, en Portugal, con 9 grados 29` 50``.

Diante desta occidentalísima ponta europea localízase o espectacular corredor outonal, de setembro a novembro, de pasos migratorios de Mascatos (Sula), Carráns (Sterna), Palleiras (Stercorarius), Negróns (Melanitta), e Gaivotas (Larus) de numerosas especies.

As zoantes rachas de vento constantes no Touriñán converten esta xa de por si selvaxe costa nunha paraxe aspra, inhóspita, silenciosa testemuña de incontables e tráxicos naufraxios. O panorama do Touriñán abrangue todas as desertas costas fisterrás, desde o Cabo da Buitra e o Cabo Vilán ata o Cabo da Nave.

Os estreitos carreiros destes virxes cantís percorren todas as proximidades, poidendo disfrutar dunha fermosa excursión á cativa e belida praia de Moreira ou ao largacío areal de Nemiña, parroquia cantada polo Bardo Eduardo Pondal:

Ao abrigo do vento circio
sentada ao pé dos valados
que hai nos Casás de Nemiña,
os cabelos pieiteando
cun lindo pieite de ouro
que deslumbraba ao miralo
cantaba a fada Rouriz
cousa do tempo pasado. 

Ligazóns

Hemeroteca