BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
CABO RONCUDO

Fauna e Flora

Solpor

A riqueza faunística e botánica do Cabo Roncudo abrangue as especies típicas de hábitats costeiros e de cantil. Aínda que non na rica medida na que se encontran nos cabos de Santo Hadrián e Vilán, o Roncudo é un lugar idóneo para contemplar o paso de aves mariñas ou migratorias, entre as que cabe citar a Gaivota escura, a Gaivota clara (Larus cachinnans) e o Corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis).

Encóntranse no Roncudo asemade algúns endemismos do noroeste da península celtibérica coma o Carpazo (Cistus carpaza psilosepalus), a Tuberaria globulariefolia, o Toxo (Ulea sp), a Centares corcubionensis -endemismo do noroeste galego-, e a Herba de namorar (Armeria pubigera).

Cabo lendario da Costa da Morte

Cruz

Cabo principal de Bergantiños xunto co de Santo Hadrián e Nariga, a ponta do Roncudo debe o seu nome ao eco do bruante Atlántico na costa rochosa deste promontorio. Nestes cantís, homes e mulleres xogan a vida escapando de grandes ondas e xélidos remuíños no seu oficio de colleita do prezado froito de mar do percebe.

O faro do Roncudo avisa constantemente ao tráfico marítimo da Costa da Morte da proximidade e perigosidade destas terras, cemiterio tradicional de bargos naufragados. As cruces de pedra erguidas ao pé do cabo recordan tamén a vida de mariñeiros afogados ou desaparecidos neste océano infindo.

O espacio natural do Roncudo ofrece unha completa excursión polas súas batidas costas, completada co repouso das enxebres tabernas de Corme e das pequenas praias agachadas entre os cantís.

Ligazóns

Hemeroteca