BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 24/11/2017
BALDAIO E RAZO

Sitio Natural de Interese Nacional

Flora

Baldaio-Razo, longo areal de 4 qm de longo, está formado por tres tipos de ecosistemas diferentes: a marisma, a lagoa litoral, e unha barra areosa de dunas móviles e estabilizadas. Esta zona húmida é parada e refuxio de milleiros de aves nas rotas migratorias de outono e primavera, épocas óptimas para a súa observación.

A fauna de Baldaio posúe unha elevada riqueza en aves acuáticas, máis de 33 especies diferentes sen incluir as especies limícolas. Nidifica acó unha das maiores colonias europeas da " Píldora das dunas " (Charadrius alexandrinus) e un número importante de mergullóns, garzas, anátidas, así como a escasa Espátula (Platalea leucorodia).

Conta con varios endemismos

Espátula

Certos mamíferos encontran acobillo no espacio de marismas Baldaio-Razo, como é o caso da escasa " Londra " (Lutra lutra), o Porcoteixo (Meles meles) ou o Raposo (Vulpes vulpes), que percorre regularmente a praia en busca de restos de comida deitados polo mar. Outras especies animais de grande interese son o Lagarto arnal (Lacerta lepida), a Víbora de Seoane (Vipera seoanei) e a Rá de San Antón (Hyla arborea).

Nunha modesta superficie, Baldaio conserva unha extraordinaria variedade botánica que inclui dos aspros carrizos (Phragmites australis) e xuncos (Juncus maritimus) de marisma, a prantas acuáticas como a Palla Real (Typha latifolia). Nas dunas abondan todo tipo de prantas, remarcando os endemismos atlánticos como a Linaria polygalifolia subsp. polygalifolia, ou os endemismos do noroeste galego como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica.

O histórico Monte Neme

Porco teixo

O Monte Neme érguese desde o lugar de Razo proporcionando unha panorámica de privilexio do espacio natural. A súa altitude e ubicación permiten outear o lonxano cabo Prior, Malpica e as illas Sisargas, a ría de Corme, Buño, Carballo... Sobre o ceo do Neme pódese ver o vóo de especies coma o Corvo carnazal (Corvus corax), o Falcón peregrino (Falco peregrinus) ou a Tartaraña cincenta (Circus pygargus).
Remitíndose á historia, os primeiros galegos escolleran este lugar para as súas prácticas relixiosas, como xa ben sinala a toponimia " Neme ", que significa sagrado no antigo idioma celta galego. No cumio do monte emprazábase un cromleque coñecido coma " Eira das Meigas " do que a tradición lembra cómo as pedras eran asento das meigas que aló celebraban as súas reunións. O círculo lítico foi destruido nos traballos mineiros de exploración de wolfram durante a segunda guerra mundial.

Ligazóns

Vídeos

Hemeroteca