BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 16/09/2019
NÓS - PAULINA MOUZO

CHUVIA 

Vóabanme 
 paxaros arborizados, 
esparexíasme 
 polo lombo 
limos e cinzas 
 choveu... 

 * * * 

Acompañada 
e infinitamente solitaria 
me atopei eu 
con anacos de chuvia 
  no rostro 
e dedos de angustia 
 nos seos 
si, chove.   

* * * 

A lúa colgaba dos tellados 
o ceo, borracho, miraba 
 buscas 
  atópote 
   síntote 
 e chove. 

Segue chovendo. 
 
* * * 

As cores 
fanse máis intensas 
cando choras, 
coma nós 
coma nós 
 (as palabras, 
 os xestos) 
facémonos máis intensos 
 ... cando chove.   

* * * 

O día que non dicías nada 
 salpicábasme 
 polo peito 
a auga das fresas 
 e calabamos 
e chovía.   

* * * 

Es quen me colma   
Quero 
secar a túa chuvia. 

Hemeroteca