Moléstame a chuvia
coas súas gotas caendo
moléstame a xeada
brillante sobre a herba
Mª Teresa Lariño Lago
Temos un leito de ceo
é fermoso mais se chega o frío sempre estou soa
Vou todos os días ata a cidade
vou a comprar cores e papel para ti
tamén ás veces levo as luces da cidade nos petos
para que ti as colgues no azul distante
Están quedas caendo dende o infinito
Gústame cando volvo e ti estás arrombado na herba
agardando
Un momento que calou a cidade volvín a ti
sen cores tan tarde caída e descalza entre a herba
con amigos para ti
porque querían ver os teus debuxos
e teño marcas na perna
dos dentes das enredadeiras
trepando ata os meus ollos sangrando savia dende o chan
E eu tamén vin caer todas as luces que trouxen
nos petos dende a cidade
caeron porque berrabamos
Queimaron tanto na gorxa ao caer
todas acesas
chovendo de azul
que creo que nunca vai deixar de doernos
E as nubes
tamén marcharon enfadadas as túas nubes
Foi o aire ártico dígoche que foi ese aire tan frío
que me seguiu ata aquí
levou toda a herba
e agora temos que morrer de fame