BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 21/11/2017
O Pindo
Esgrevio Olimpo Celta

Paraxe de gran beleza natural

O Pindo

Culminando a 641 m. de altitude sobre a ría de Corcubión, a panorámica figura do Pindo domina todas as terras do Fin do Mundo. Nos días despexados, o Pindo entretense cos tonos mariños e atmosféricos, reflexando a luz en cores camaleónicas que varían do rosa ao gris.

O espacio natural do Monte Pindo encontra o seu complemento mariño na fervenza do Ezaro, un dos currunchos máis espectaculares de toda Galicia. Unico lugar en Europa, a auga do río Xallas procedente de Dumbría caía espectacularmente en fervenza nas augas atlánticas, creando un pozo de 16 m. de profundidade. O aproveitamento das augas para producción hidroeléctrica xa no permite contemplar o magno espectáculo, pero a paraxe posúe aínda unha incontestable beleza.

Lar das devanceiras deidades galegas

Ézaro

O lugar de O Pindo encáixase ao longo da estreita marxe costeira trazada pola unión de terra e océano. No pé das casas están o areal de San Pedro e un pequeno porto recollido do bravo Atlántico, igual que o de Quilmas, onde reparaban os normandos as embarcacións danadas nas súas incursións guerreiras por Galicia.

O Monte Pindo considérase o Olimpo Celta galego pola súa bretemosa lenda e xeografía. O seu relevo áspero e espido está coberto de milleiros de laxas de granito rosa, de misteriosas e fantásticas formas. En viaxe por estas terras, o Padre Sarmiento escoitou que no Pindo medraban herbas sanadoras de toda doenza, e que nas rochas do Monte se practicaban ritos de culto á fertilidade.

Se a inaccesibilidade do Monte e o seu curuto engolido por eternos neboeiros deron a crer que no alto habitaban os atemporais rexedores dos mortais destiños, a mesma condición recóndita e inhóspita, e os seus miles de rochedos labirínticos de extrañas figuras, serviron de refuxio neste século aos guerrilleiros republicanos que aqui se agocharon durante e despois da Guerra Española de 1936.

Ligazóns

Hemeroteca