BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 18/11/2017
Muxía
Santuario da Nosa Señora da Barca

Extraordinaria devoción á Nosa Señora

Santuario da Barca

Emprazado fronte ao bravo Atlántico, o Santuario de Nosa Señora da Barca de Muxía é o primeiro de Galicia pola súa importancia como centro de devoción mariana. No interior da severa igrexa áchase a imaxe gótica da Virxe da Barca, valedora dos mariñeiros, numerosos exvotos pendurados do teito, e os sartegos dos Condes de Maceda. Moitos viaxeiros levan escrito desde o séc.XIV sobre a extraordinaria veneración á Nosa Señora da Barca, entre eles Rosalía de Castro, López Abente e García Lorca.

Antigo lugar de culto céltigo, a Igrexa decidiu cristianizar a paraxe no séc.XII cunha pequena ermida, convertida no templo actual no séc.XVII. A tradición popular conta que a Virxe se achegou a confortar ao apóstolo cando este mostraba desconsolo ante a imposibilidade de cristianizar estas terras. Os restos da pétrea barca da Virxe, abandoados diante do cristianizado santuario, reconducirían o culto céltigo ás pedras cara a adoración mariana.

Milleiros de romeiros reúnense cada ano en fronte do santuario de Nosa Señora para facer abalar a pedra, continuando unha inmemorial tradición e pervivindo unha práctica moi extendida polos países celtas, xa rexistrada no antiquísimo ciclo Artúrico: só os inocentes poderán facer abalar a pedra.

Porto do Mosteiro de Moraime

Secadeiro de Congro

O poboamento de Monxía naceu como fundación do mosteiro de Moraime no séc.XII, lembranza medieval presente nas brasonadas casas e na estrutura urbana deste importante porto da Costa da Morte.

O antigo mosteiro de San Xiao de Moraime, probablemente orixinario da baixa Idade Media, conserva importantes remanentes artísticos, como a propia estrutura románica basilical de tres naves, as súas portas, e algúns murais góticos do séc.XIV. Estragado polos normandos en 1105, foi restaurado no ano 1119, gracias a unha doazón de Afonso VII, Rei de Galicia, que viviu neste lugar durante a súa neneza educado por Pedro Froilaz de Traba.

Porto de grande relevancia na Europa medieval, o rei castelán Carlos I trocou con Moraime a propiedade de Muxía por outro porto no séc.XVI, xa que o rei desexaba controlar Muxía para amellorar as comunicacións marítimas do seu reino con Inglaterra. Destruída no séc.XIX polas tropas de Napoleón, Muxía resurxiu posteriormente como gran porto pesqueiro da Costa da Morte e de Galicia, exportador principalmente de sardiña e de congro.

Bretemosas terras do Fin do Mundo

Muxía

Ademáis do conxunto medieval formado por Moraime, Muxía, e a igrexa románica de San Martiño de Ozón e seu grande hórreo, un dos máis grandes de Galicia, compre destacar as feiras e festividades destas parroquias, entre outras a Nosa Señora do Carme en Moraime, e San Isidro en Quintáns.

Estas norteñas terras de Fisterra ofrecen unha rica escolla para o tranquilo descanso nas belidas, longas e selvaxes praias de Area Grande, Barreira, Lago, Area Maior, Espiñeirido, Area Lourido, Nemiña e a senlleira e minúscula praia de Moreira.

Camiño do poñente, camiño do Fin do Mundo, os carreiros trazados a rentes de esgrevios cantís encollen ao ser humán ante o inmenso panorama da ría de Camariñas e do Cabo Vilán, do Cabo Buitra e Cabo da Nave, e do ventoso e inhóspito espacio natural do Cabo Touriñán, silenciosa testemuña de incontables e tráxicos naufraxios.

Ligazóns

Hemeroteca