Tomás Lijó nasceu em 1977 em Noia e viveu os primeiros anos da sua vida ali, no monte Iroite. Logo transladou-se a Sardinheiro (Fisterra), onde reside actualmente, e fixo-se estudante de jornalismo para conhecer tamém Compostela. É um dos pistoleiros de palavras do Batalhom Literário e tem participa- do nalgum que outro frente descarregando as suas letras mesmo contra a populaçom civil, incluídos nenos e mulheres. Alguns dos poemas que lhe "roubamos" para fazer esta página tenhem algo mais de um par de anos, polo que lhe podemos dar um disgusto já que el di que os tinha um pouco "esquecidos".
CANDO DESCARRILAN AS PALABRAS
Ás veces
os trens van demasiado lentos
e descarrilan as palabras
diluíndose na raia do horizonte
ou esluíndose no sono.
E esvara o corpo cara as mans
para se protexer das pezas da carrocería
que xa non se oen
co crescendo da música dunha carabela de esperanzas.
E XA NON HAI FALSETES
E XA NON HAI CONVERSAS
CANDO DESCARRILAN AS PALABRAS
*********************
Estou preso
nos trazos da nostalxia e da historia
e nos trazos da memoria.
Relembrando
na ausencia e no silencio
e no desterro voluntario,
as liñas,
e os puntos
que non me levan cara a ti.
**********
Así como son as cousas
cheas de escuros
así me vexo a min cando acendo as luces túas
na memoria.
********
O SABOR DO SILENCIO MÁIS TERRIBLE
Levo o sabor do silencio máis terrible
no sangue,
e son un masoquista dos de látigo
nun deserto e con sede
á beira da miña aldea.
A miña dor está en ser de aldea
e non saber ser aldeán,
anque teña a fouce das letra a sachar en min
e a rede húmida do mar a envolverme,
e o meu corpo pendure dun anzol, aló onde comeza a gorxa,
aínda así,
son un masoquista dos de látigo
nun deserto e con sede
á beira da miña aldea.
E levo o sabor do silencio máis terrible
no sangue.
*******
Posiblemente o silencio
non sexa máis
que o escuro
despois de cada lóstrego de luz
aló no faro.
Alí aprendín a sentir
a dor pracenteira e masoquista
de quererte.
******
O SABOR DA AUSENCIA
Levo o sabor da ausencia máis absurda
no sangue
o da ausencia voluntaria e doorosa
o da enfermidade menos compasible
o que devén da vontade
do silencio
Levo o sabor da ausencia máis absurda
no sangue,
o da ausencia masoquista
inexcusable,
o da ausencia inextricable e
[inexplicable
o da ausencia máis absurda,
no sangue.
E levo,
o sabor dos remorsos e do odio
o sabor da intención e da demora
o sabor do temor e valentía
e o das luvas que me van pequenas,
e levo o sabor máis absurdo no meu
[sangue
a fragancia agridoce
e o tacto amargo da nostalxia
o sabor das esquinas
e o fedor das beirarúas,
o vapor das cañerías.
E levo,
o sabor da ausencia máis absurda
no meu sangue,
o da ausencia por vontade
e do desterro voluntario
e a humidade
na sequedade destas horas de ausencia mais absurda
NO SANGUE.