BUSCADOR






23º Ano - 5ª Época - 16/09/2019
Chamada de socorro dun petroleiro cunha vía de auga a 28 millas de Fisterra

Ao redor das 15:00 horas, Salvamento Marítimo recibía unha chamada de socorro dende 28 millas (50 quilómetros) ao oeste do cabo Fisterra: o petroleiro Prestige, de fabricación xaponesa, bandeira de Bahamas e armador grego, tiña unha importante vía de auga nun dos seus costados.

A operación de salvamento púxose de inmediato en marcha e dous helicópteros evacuaban cara os aeroportos de Vigo e a Coruña 24 dos 27 tripulantes. O capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas quedaron no barco, en principio para supervisar o rescate.

A medida que transcorría o tempo a situación empeoraba: o petroleiro, xa flanqueado por unha importante mancha de de fuel-oleo, tiña unha inclinación de entre 25 e 40 grados. As condicións meteorolóxicas eran malas, con olas de cinco metros e ventos de ata 80 quilómetros por hora e dirección predominante oeste-noroeste que empuxaba o barco cara as costas de Muxía.

Vista a situación, o remolcador Ría de Vigo, desprazado xa desde un primeiro memento á zona, recibiu orde de remolcar o Prestige lonxe das costas galegas para evitar un desastre natural; ao que se opuxo o capitán do petroleiro, o grego Apostolus Maguras, que pretendía achegar o barco a terra para salvalo. O capitán do Prestige e o temporal teimaron na súa postura, polo que as labores de remolque víronse dificultadas durante horas.

Hemeroteca