BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 23/11/2017
Fisterra
País do Fin do Mundo

Casamento de Natureza e Lenda en Fisterra

Faro Fisterra

No promontorio dos celtas Nerios -como denominaron os románs á península do Fin da Terra- a lenda, a natureza e a historia conforman unha unidade homoxénea desde o comezo dos tempos.

Daquela vencellado á cidade de Duio, no Monte Facho emprazábase o Ara Solis ou altar no que os Nerios realizaban as súas ofrendas e ritos na honra do sol. Este foi precisamente o lugar escollido por San Guillerme para vivir a súa existencia eremítica. Perto da súa morada, as parellas estériles copulaban nunha pedra seguindo o rito celta da fertilidade.

O cabo de Fisterra é asemade un dos máis perigosos puntos para a navegación do mundo. O Petonciño e a Centola destrozaron en tráxicos naufraxios a naves de todo tamaño e nacionalidade que seguían un rumbo equivocado ou que nada podían facer na loita contra os caprichos dun Atlántico embravecido.

Fisterra é o lugar do mundo que máis historias pode contar. Desde o tráfico constante do comercio celta co mediterráneo ata grandes catástrofes marítimas ; desde os horribles monstros que moraban no Mare Tenebrosum ata as céltigas expedicións en busca do paradiso ; desde o fascinante culto ao sol ata as máis violentas e temibles tempestades.

Milenios de peregrinaxe ao Fin do Mundo

Igrexa Fisterra

Consta na historia a fascinación que o Fin do Mundo espertaba en todos aqueles que visitaban este lar. Os celtas Nerios desta terra rendían culto ao Astro Rei nun ara situada no Monte Facho. Séculos máis tarde, o primeiro romano que aquí chegou, o xeneral Décimo Xuño Bruto "O Galaico", espantouse ao ver cómo o mar engulía ao sol.

Desde a descoberta da tomba do apóstolo Santiago na idade media, a visita ao Fin da Terra converteuse no término da peregrinaxe xacobea a Compostela unha vez cumprida a adoración ao sartego do Santo Apóstolo : Os peregriños viñan venerar ao Santo Cristo de Fisterra no Santuario de Nosa Señora, as reliquias de San Guillerme e mais a Fin do Mundo tal como era coñecido.

A afluencia de visitantes con trasfondo relixioso, entre eles moitos personaxes célebres, chegou a ser tal que en 1479 se tivo que construir un hospital de peregriños. Contemporaneamente, Fisterra segue a acoller a cotío milleiros de visitantes chegados por motivos espitiruais ou sinxelamente por mor do grande espectáculo da inmensidade do océano desde a tradicionalmente considerada ponta máis occidental da Europa continental.

A vila do Fin da Terra

Escrito

Fisterra é unha típica vila mariñeira de estreitas ruelas descendentes cara ao mar. O centro económico e social do poboamento é o porto, que acolle unha importante frota pesqueira e unha lonxa de grande actividade. Desde aquí, os frescos mariscos e peixes son levados directamente ao pote das enxebres tabernas fisterrás, célebres pola degustación da máis típica gastronomía galega.

A rica herdanza histórica de Fisterra consérvase na mariñeira capela do Bon Suceso do séc.XVIII, e no Castelo de San Carlos do séc XVIII, construido para defender o porto dos alternos asaltos levados polos exércitos de Inglaterra e Francia. A vila do Fin do Mundo ofrece tamén o lecer da turística praia da Langosteira, as descoñecidas praíñas da Riveira e Corbeiro, o senlleiro areal atlántico do Mar de Fóra, e o espacio natural do Cabo Fisterra.

De camiño cara o Faro atópase o Cruceiro e a Igrexa de Santa María de Fisterra, de base arquitectónica do séc.XII, declarada conxunto histórico-artístico en 1985. O interior garda un notable patrimonio etnográfico, a destacar : unha lauda sepulcral do séc.XV e os retablos de Nosa Señora, de Francisco de Antas, mestre de obras da Catedral de Santiago no séc.XVII. Pero especialmente, centra toda a atención o retablo do Cristo da Barba Dourada, talla de Romai do séc.XIV, de idéntica factura á existente en Ourense: o Cristo da Barba Dourada é obxecto de devota veneración na comarca, sendo o protagonista da maior festividade de Fisterra, a Semana Santa.

Ligazóns

Hemeroteca