BUSCADOR






21º Ano - 5ª Época - 25/11/2017
Dumbría
Bravo encontro do Xallas e do Atlántico

As terras do mítico Combate de Dumbría

Ézaro

O topónimo Dumbría refire a existencia dunha importante citania nestes eidos, como indica o vocablo Dunn, palabra da anterga lingua céltiga galega. Precisamente, Benito Vicetto encadra en terras de Dumbría, na súa Historia de Galicia de 1865, o mitolóxico combate librado entre Céltigo e Noerio, xefes de clan dos primeiros galegos, batalla cantada e exaltada polo bardo Pondal :


Intrépidos galegos,
que desde antigos días
sobre a frente levades
a estrela vespertina,
se queredes ser fortes
nas épicas porfías,
lembrádevos do rudo
combate de Dumbría.
Aos vosos nobres fillos,
relembre noite e días
os feitos denodados
da vosa xente antiga ;
recordade decote
os seus feitos i ousadías,
recordade o famoso
combate de Dumbría.

Final destino do nobre Xallas

O Pindo

A igrexa barroca de Buxantes, de torre erguida polo mesmo autor da Torre do Reloxio da Catedral de Santiago, marca o roteiro que acompaña ao Xallas cara o seu espectacular encontro co Atlántico.

Ao pé das abas graníticas do Monte Pindo, perto da morte do Xallas, o enxebre lugar e ermida de Santa Uxía precede a un ponto panorámico desde onde se goza dunha das máis abraiantes e variadas paisaxes das terras de Fisterra, co encorado Xallas, o desafiante Monte Pindo, e a unión do verdescente río co mar de Ezaro.

Finalmente, o Xallas fúndese co Atlántico en caída vertical de 100 m., nun espectáculo natural único en Europa, descrito polo Padre Sarmiento na súa Viaje a Galicia de 1745. A titánica masa de auga, cuxa forza creou un pozo de 16 m. de profundidade, é actualmente observable en aleatorias circunstancias por mor da construcción do encoro de Santa Uxía.

Ligazóns

Hemeroteca